Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2023 Páx. 70

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 24 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, para o alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2022/23 (código de procedemento ED417A).

BDNS (Identif.): 663273.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2022/23.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 1.567.175,00 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.

No caso de existir remanente de crédito, unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme establecida no artigo 4.3 en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha nota media igual ou superior a 7 puntos unha contía uniforme de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades