Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Venres, 30 de decembro de 2022 Páx. 67327

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2020 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

O ordinal 4º do artigo 29 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, indica que a consellería competente en materia de Facenda poderá revisar as retribucións dos recadadores de zona cando as circunstancias o aconsellen, en función tanto do número de documentos e do volume de débeda cargada a cada zona como dos gastos desta e as súas circunstancias obxectivas.

Así mesmo, o ordinal 2º do citado precepto sinala que as porcentaxes poderán establecerse para cada unha das zonas de recadación en particular, mediante as disposicións regulamentarias oportunas.

A seguir, o ordinal 3º sinala que a devandita participación se realizará tendo en conta o número de documentos e o volume de débeda cargada a cada zona, así como os gastos desta e as súas circunstancias obxectivas.

Con base no exposto, revísanse as porcentaxes previstas para a zona da Coruña.

Por iso, e en uso da autorización contida na disposición derradeira primeira do citado decreto,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 16 de decembro de 2020 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona

Modifícase a Orde do 16 de decembro de 2020 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona, do xeito que se indica a continuación:

Un. Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 1 da orde, que queda redactado como segue:

«As retribucións dos recadadores de zona, agás na zona da Coruña, serán as que resulten de aplicar sobre a suma dos ingresos que sexan imputables en cada exercicio a cada zona, e que corresponden a providencias de constrinximento cun importe cargado que non exceda os 500.000 euros, as seguintes porcentaxes».

Dous. Engádese un artigo 1.bis da orde, que terá a seguinte redacción:

«As retribucións do recadador da zona da Coruña serán as que resulten de aplicar sobre a suma dos ingresos que sexan imputables en cada exercicio á zona, e que corresponden a providencias de constrinximento cun importe cargado que non exceda os 500.000 euros, as seguintes porcentaxes:

De 0 euros a 600.000 euros, o 20 %.

De 600.000,01 euros a 1.200.000 euros, o 15 %.

De 1.200.000,01 euros a 2.100.000 euros, o 10 %.

De 2.100.000,01 euros a 2.400.000 euros, o 5 %.

De 2.400.000,01 euros a 3.000.000 de euros, o 4 %.

A partir de 3.000.000,01 euros, o 3%».

Disposición derradeira única

Esta orde terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública