Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66655

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo adoptado pola Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario sobre os criterios básicos dos baremos das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

O 5 de decembro de 2022, na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CC.OO., SATSE e UGT pactaron o acordo sobre os criterios básicos para aplicar nos baremos das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A negociación realizouse de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Con base na normativa citada,

DISPOÑO:

Publicar, para xeral coñecemento e efectividade, o acordo sobre os criterios básicos para aplicar nos baremos das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Acordo da Mesa Sectorial do Servizo Galego de Saúde sobre os criterios básicos dos baremos das convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, ten por obxecto situar a taxa de temporalidade estrutural por debaixo do 8 %, regulando os procesos de estabilización do emprego temporal nas administracións públicas, tanto os regulados no artigo 2, como o concurso de méritos das disposicións adicionais sexta e oitava.

A posta en marcha dos referidos procesos determinou un conxunto de orientacións recollidas na Resolución da Secretaría de Estado de Función Pública do 1 de abril de 2022, de cuxo contido resulta salientable que:

– O obxectivo é acadar unha temporalidade estrutural non superior ao 8 % do total de efectivos, evitando un uso abusivo da figura do emprego temporal para exercer funcións de carácter permanente ou estrutural, no senso definido no artigo 10.1.a) do texto refundido do Estatuto básico do empregado público.

– Debe de tratarse de prazas desempeñadas por persoal con vinculación temporal.

– Da resolución destes procesos non poderá derivarse incremento de gasto nin de efectivos.

Tales premisas obrigan a que nas ofertas públicas de emprego correspondentes a estes procesos de estabilización, e nomeadamente os relativos ao concurso de méritos das disposicións adicionais sexta e oitava, e nas conseguintes convocatorias, soamente se poidan incluír as prazas ocupadas por persoal temporal, quedando excluídas as desempeñadas polo persoal fixo baixo a modalidade de promoción interna.

A este respecto cómpre indicar que este persoal propietario xa dispón das súas quendas de reserva nos procesos selectivos ordinarios, e cuxa cobertura supón a simultánea xeración dunha praza vacante doutra categoría, polo que, de ser incluídas nos ditos procesos, non se cumpriría a finalidade última da Lei 20/2021, que é reducir a temporalidade.

Por outra banda, a coordinación exixida pola Lei 20/2021 entre as distintas administracións públicas no desenvolvemento dos procesos de estabilización derivou, no seo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, e sen prexuízo do establecido no artigo 29.1.f) do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, no Acordo de recomendacións do 18 de outubro de 2022 para a aplicación do proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021.

Con base no antedito, esta mesa sectorial adopta o seguinte acordo, logo da súa negociación nas sesións do 5, 18 e 28 de outubro, 14 de novembro, e 2 e 5 de decembro de 2022:

1. Obxecto e ámbito.

Este acordo ten por obxecto establecer determinadas bases aplicables ás convocatorias dos procesos selectivos das prazas incluídas nos anexos I, II e III do Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia, con independencia de que esas convocatorias incorporen tamén outras prazas incluídas na ofertas ordinarias de emprego público do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

2. Concurso-oposición.

Nos procedementos que se tramiten polo sistema de concurso-oposición, en aplicación do artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, a puntuación da fase de oposición suporá ata o 60 % da puntuación total, resultando da fase de concurso o 40 % restante. A puntuación máxima que se acadará neste procedemento será de 100 puntos.

Nestes procedementos a nota de corte do exercicio da parte específica redúcese respecto a convocatorias precedentes e pasa do 50 % ao 35 %.

Dado que en numerosas categorías en que existe oferta de estabilización que se deban cubrir polo sistema de concurso-oposición existen prazas pendentes de convocatoria correspondentes á taxa ordinaria incluídas nos diversos decretos de oferta de emprego público de persoal estatutario do Sistema Público de Saúde de Galicia, nas convocatorias reservarase o 50 % do total das prazas que se convocan en execución destes decretos para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

Nas categorías en que as convocatorias sexan exclusivamente de estabilización incluiranse prazas de promoción interna dentro dos dous anos próximos.

Os baremos da fase de concurso, nos termos e cos valores numéricos que se concretarán nas correspondentes convocatorias (logo de negociación na Mesa Sectorial), axustaranse aos que se veñen utilizando no Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo da incorporación a estes das previsións normativas que lle resulten de aplicación.

A distribución dos baremos na fase de concurso será a seguinte:

Categorías para as que se require título de especialista en Ciencias da Saúde.

Formación

Experiencia

Docencia, investigación
e innovación sanitaria

Puntos

14

22

4

Porcentaxe

35 %

55 %

10 %

Outras categorías (enfermeira/o, persoal sanitario de formación profesional…).

Formación

Experiencia

Outras actividades

Puntos

8

28

4

Porcentaxe

20 %

70 %

10 %

A excepción á norma xeral de outras categorías (celador/a, condutor/a...).

Formación

Experiencia

Puntos

12

28

Porcentaxe

30 %

70 %

3. Concurso de méritos.

No baremo dos concursos que se convoquen para a estabilización de prazas ocupadas por persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia incluídas no Decreto 81/2022, en aplicación das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, será de aplicación o baremo que se determine nas bases da convocatoria.

O proceso está orientado a acadar a redución da taxa de temporalidade estrutural (interino/cadro de persoal) por debaixo do 8 %, fixando para tal fin o seguinte baremo:

1. A puntuación máxima que se acadará será de 45 puntos (baremo de méritos 40 e idioma galego 5).

2. O baremo de méritos do sistema de concurso (40 puntos) axustarase aos seguintes criterios básicos, nos termos e cos valores numéricos que se concretarán nas correspondentes convocatorias (logo de negociación na Mesa Sectorial):

2.1. A epígrafe de experiencia profesional, que suporá ata un 70 % da puntuación máxima do concurso (28 puntos).

2.1.1. Os servizos prestados exclusivamente como persoal estatutario temporal na mesma categoría e especialidade ou categoría equivalente homologada, no Sistema público de saúde de Galicia: 0,20 puntos/mes.

Para acadar a puntuación máxima na epígrafe de experiencia profesional será necesario ter prestado, con carácter xeral, arredor de doce anos de servizos no Sistema sanitario público de Galicia con vinculación temporal.

2.1.2. Os servizos prestados como persoal estatutario temporal na mesma categoría e especialidade ou categoría equivalente homologada por conta e baixo dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público doutros servizos de saúde do Sistema Nacional de Saúde: 0,10 puntos/mes.

2.1.3. Os servizos prestados como persoal temporal na mesma categoría e especialidade ou categoría equivalente homologada por conta e baixo dependencia de institucións sanitarias dun país da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou Suíza, e servizos prestados en institucións con contrato de servizos públicos (concertadas): 0,06 puntos/mes.

2.1.4. Os servizos prestados como persoal estatutario noutra categoría/especialidade por conta e baixo dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público de Galicia: 0,05 puntos/mes.

2.1.5. Os servizos prestados como persoal estatutario noutra categoría/especialidade por conta e baixo dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público doutros servizos de saúde do Sistema Nacional de Saúde: 0,025 puntos/mes.

Nalgunha categoría/especialidade poderá modularse o baremo para adaptarse ás peculiaridades da normativa de aplicación.

2. O 30 % restante da puntuación destinarase a valorar a formación e outros méritos relevantes para o mellor desempeño das funcións inherentes ás diversas categorías profesionais (12 puntos).

Esta puntuación asignarase aos méritos que se veñen valorando con carácter ordinario nos procesos selectivos do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, sen prexuízo dos axustes que sexan necesarios co obxectivo de acadar a primacía da valoración da experiencia.

3. Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no concurso valorarase o coñecemento da lingua galega (5 puntos).

O sistema de desempate efectuarase a favor das persoas aspirantes que tivesen maior número de días de servizos prestados na categoría/especialidade no Servizo Galego de Saúde. De persistir o empate, continuarase polo maior número de días de servizos prestados noutra categoría/especialidade no Servizo Galego de Saúde e, de ser necesario, sucesivamente por cada epígrafe do baremo de formación e outros méritos pola súa orde. De seguir existindo méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas dirimirase o desempate a favor da persoa aspirante do xénero infrarrepresentado na categoría que opta. Para rematar, decidirá a maior idade da persoa aspirante.

Dado que as prazas de promoción interna non foron computadas neste proceso de estabilización por imperativo legal, os criterios de cesamento que se negocien terán en conta esta circunstancia.