Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 20 de decembro de 2022 Páx. 64626

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 1 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT723A).

BDNS (Identif.): 663169.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas tanto as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso, os terreos cinexéticos deberán ser estremeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada tecor só será admisible unha única solicitude.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas destinadas ás persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (código de procedemento MT723A).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT723A).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de douscentos trinta mil euros (230.000 €), de acordo co seguinte:

a) Liña de actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas: comprenderá ata un importe de cento cincuenta mil euros (150.000 €).

b) Liña de actuación para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados: comprenderá ata un importe de oitenta mil euros (80.000 €).

Establécense as seguintes contías de investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) Investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas, en terreos cinexeticamente ordenados:

– Roza e trituración mecánica do mato: 400 euros por hectárea. As rozas realizaranse de forma lineal e/ou irregular, dispersas polo terreo en superficies dun máximo de 1 hectárea.

– Gradadura, emenda e /ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea e realizarase en superficies continuas de, como máximo, 2.000 metros cadrados.

b) Para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados o custo subvencionable será dun máximo de 1.500 euros por tobeira.

A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 100 % do custo dos investimentos; fíxase, por solicitude de axuda, ata un máximo de 10.000 euros, para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas, e ata de 6.000 euros para a construción de tobeiras artificiais, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda