Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 63995

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 211/2022, do 1 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Conducións xerais e nova EDAR de Foz.

O Concello de Foz (Lugo), en sesión que tivo lugar o día 3 de marzo de 2022, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Conducións xerais e nova EDAR de Foz, ao abeiro do disposto na Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 3 de agosto de 2022 tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Foz (Lugo) e o expediente. Con data do 18 de agosto e do 14 de novembro de 2022 o Concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para realizar as obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación que se vai realizar, consistente na construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) e das canalizacións correspondentes, pretende solucionar as deficiencias actuais na rede de saneamento do dito concello, cunha EDAR situada no núcleo urbano, que resulta insuficiente para os caudais xerados, e coa problemática engadida de verter o efluente nun espazo sensible e de lenta renovación, como é a ría de Foz, que conta con protección ambiental. Ademais, a rede unitaria actual do núcleo é incapaz de xestionar as aguas pluviais en tempo de choiva. A EDAR actual de Foz evidencia un claro infradimensionamento, cunha capacidade inferior á necesaria para tratar a carga afluente, particularmente en época estival, polo que as obras proxectadas teñen por obxecto a protección ambiental e a necesidade de asegurar o cumprimento dos parámetros de verteduras das augas tratadas ao medio receptor.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da transferencia de competencias en materia de Administración local do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do un de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Conducións xerais e nova EDAR de Foz, no termo municipal de Foz (Lugo). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes