Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64367

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado secretaria/o de Goberno Local do Concello de Vigo.

O Concello de Vigo aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado secretaria/o de Goberno Local do Concello de Vigo, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta do subdirector xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Vigo.

Posto: secretaria/o de Goberno Local do Concello de Vigo.

Subescala: Secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 53.788,56 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre designación,
do posto de traballo de secretaria/o de Goberno Local do Concello de Vigo

Primeira. Posto e requisitos

O posto de traballo obxecto da convocatoria é o de secretaria/o de Goberno Local do Concello de Vigo, da vixente relación de postos de traballo, aprobada definitivamente por Acordo da Xunta de Goberno Local do 22 de setembro de 2022 (pendente de publicación no BOPPO), clase primeira, categoría superior, pertencente á subescala de Secretaría da escala de funcionarias/os de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de traballo está dotado co nivel 30 de complemento de destino e un complemento específico código 1, segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo, aprobada definitivamente por Acordo da Xunta de Goberno Local do 22 de setembro de 2022 (pendente de publicación no BOPPO), que se concreta nun importe anual bruto de CD: 15.147,86 euros e CE: 53.788,56 euros, segundo os vixentes orzamentos municipais do Concello de Vigo para o exercicio 2022.

Consonte o previsto no artigo 18 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarias/os de Administración local con habilitación de carácter nacional, para o acceso ás escalas de habilitación nacional é suficiente con estar en posesión de calquera titulación universitaria das exixidas para o acceso ao subgrupo A1 de titulación.

En consecuencia, poderán participar na presente convocatoria os/as funcionarios/as de carreira de Administración local con habilitación de carácter nacional, subgrupo A1, integrados na escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de Secretaría, categoría superior, que cumpran os requisitos de titulación normativamente establecidos (licenciatura, enxeñaría, arquitectura o grao, segundo o previsto no texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, para o ingreso nos corpos ou escalas clasificadas no subgrupo A1).

Segunda. Participación

O posto de traballo obxecto de provisión con carácter definitivo poderá ser solicitado polas/os funcionarias/os con habilitación de carácter nacional da subescala e categoría a que pertence o posto.

Non poderán concorrer a esta convocatoria o persoal funcionario que se encontre comprendido nos supostos previstos no artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados/as e os suspensos/as en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas de suspensión.

b) Os/as funcionarios/as destituídos/as, a postos da corporación onde se produciu a sanción, se non transcorrese o prazo establecido nela.

c) Os/as funcionarios/as nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a esta.

Terceira. Presentación de solicitudes, documentación e prazos

Para os efectos de tomar parte na convocatoria os/as aspirantes deberán presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida á concelleira delegada da Área de Seguridade, Contratación e Xestión Municipal do Concello de Vigo, Área de Recursos Humanos e Formación, pedindo tomar parte na convocatoria, segundo o modelo xenérico de solicitude xeral, dispoñible na web municipal www.vigo.org, na sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, á cal deberá achegarse a documentación xustificativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados que se recolle na seguinte epígrafe.

2. Documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos na base primeira.

3. Currículum vítae no cal figuren:

a) A titulación académica consonte o establecido no artigo 18 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

b) A acreditación da condición de funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional.

c) Os anos de servizo.

d) Os postos de traballo desempeñados nas administracións públicas.

e) Acreditación do coñecemento da lingua galega segundo o Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; para tal efecto, debe achegar documento acreditativo da posesión do certificado de lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

* Deberá realizarse unha proba de carácter eliminatorio no caso de que os aspirantes non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente, nos termos regulados no artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Estudos, cursos, formación e especialización realizados.

g) Calquera outro mérito que consideren oportuno salientar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos do recollido na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local; xuntarase documentación fidedigna acreditativa dos aspectos indicados.

4. No suposto de achega e acreditación de grao persoal consolidado, este deberá estar formalmente recoñecido e deberá achegarse a correspondente resolución administrativa ditada para tales efectos.

A documentación indicada acreditarase coa presentación de orixinais ou fotocopias autenticadas dela.

Así mesmo, prestarán declaración responsable conforme reúnen os requisitos legais para participar nesta convocatoria e posuír a capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas propias del posto de traballo obxecto da convocatoria.

Os/as interesados/as dirixirán as solicitudes e a documentación complementaria ao órgano e servizo indicado dentro dos quince (15) días hábiles seguintes ao da publicación do extracto da resolución de convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE).

Os requisitos exixidos nas presentes bases, así como os requisitos e experiencia alegados, deberán reunirse na data de finalización do prazo para tomar parte na convocatoria.

Poderanse solicitar dos participantes na convocatoria aclaracións ou documentación adicional, cando da presentada non resulten suficientemente acreditados os datos alegados en relación cos requisitos exixidos. Igualmente, os/as participantes poderán ser citados/as a unha comparecencia para os efectos de explicitar aspectos determinados da súa carreira profesional.

Cuarta. Resolución

O órgano municipal competente procederá, se é o caso, e logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo dun (1) mes, e dará conta ao Pleno da Corporación e traslado daquela ao órgano competente da Comunidade Autónoma e ao Ministerio de Facenda e Función Pública, para publicación no Boletín Oficial del Estado.

A dita resolución deberá ser motivada, con referencia ao cumprimento, por parte da persoa aspirante elixida, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e á vista da traxectoria profesional e dos méritos acreditados polos/as aspirantes.

O posto deberá ser adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Quinta. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres (3) días hábiles, se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes, se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

Por necesidades do servizo, mediante acordo dos/das presidentes/as das corporacións en que deba cesar e tomar posesión o/a candidato/a nomeado/a poderán diferirse o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, e o segundo deles deberá dar conta deste acordo á Comunidade Autónoma.

As incidencias relativas á formalización do cesamento e toma de posesión rexeranse polo establecido no artigo 42 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Sexta. Impugnación

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo que poña fin á vía administrativa, nos supostos, termos e condicións do disposto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.