Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64384

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de administrativo/a de secretaría.

Vista a proposta formulada pola xefa do Servizo de Administración e Persoal para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de administrativo/a de secretaría da Valedoría do Pobo,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de administrativo/a de secretaría da Valedoría do Pobo, conforme as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de administrativo/a de secretaría da Valedoría do Pobo que figura na vixente relación de postos de traballo (BOPG nº 596, do 24 de xaneiro de 2020).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: C (subgrupo C1).

2. Nivel de complemento de destino: 20.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira ao corpo administrativo.

4. Titulación: a correspondente ao grupo de pertenza.

5. Complemento específico: 17.401,91 €.

6. Funcións que se van desenvolver: asistencia administrativa e directa á persoa titular da Valedoría do Pobo, atención directa á cidadanía, xestión a través do rexistro, da recepción e saída de documentos, elaboración, recompilación e ordenación de documentación derivada da actividade da institución, apoio na alimentación e explotación das bases de datos, edición e transcrición, e actualización dos contidos da páxina web da institución.

7. Centro directivo: Valedoría do Pobo.

Segunda. Poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as de carreira de calquera Administración pública que pertenzan ao grupo C (subgrupo C1).

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral da Valedoría do Pobo, rúa do Hórreo, 65, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución.

As persoas aspirantes deberán achegar coa súa petición un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, correspóndelle á valedora do pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A dita resolución farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete días se comporta cambio de residencia ou de vinte días se comporta o reingreso ao servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte á súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor, potestativamente, recurso de reposición perante a valedora do pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpor recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

missing image file