Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64335

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, de concesión directa de axudas de carácter extraordinario, destinadas a sufragar os gastos ocasionados pola adquisición de máscaras durante a pandemia da COVID-19.

Antecedentes:

Primeiro.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia, coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia por parte do titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue. A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (en diante, Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan. O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e os bens que se pretende protexer. En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo. Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 14 de abril de 2020, acorda a posta á disposición, para aquelas asociacións e clústeres que así o requiran, da posibilidade de se adheriren ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica, coa finalidade de garantirlles a subministración de máscaras. As dificultades na recepción das subministracións procedentes do Estado (representan o 11 % do total) determinaron que a Xunta de Galicia iniciase e centralizase a compra de material propio que se está a distribuír non só internamente, no ámbito sanitario e sociosanitario, senón tamén a concellos e outras entidades. De feito, están funcionando, plenamente operativas, dúas plataformas loxísticas para a repartición de EPI a centros sanitarios, centros de servizos sociais e concellos. A dificultade para adquirir a subministración dos EPI necesarios, entre os cales as máscaras teñen unha alta demanda, esténdese a empresas e entidades de diferentes sectores (alimentación e auxiliares, da construción, da madeira, de enerxías renovables, cooperativas agrarias, enxeñarías, centros de atención telefónica (call centers), autónomos e comerciantes, entre outros), que así llo puxeron de manifesto á Xunta de Galicia. Por todo o indicado, coa finalidade de colaborar coas asociacións e clústeres que así o requiran, adóptase o seguinte acordo:

Primeiro. A Administración autonómica porá á disposición dos establecementos, asociacións e clústeres que conforman o tecido empresarial galego, con especial atención aos autónomos e ás pemes que así o soliciten, as máscaras que teña dispoñibles para tales efectos en cada momento.

Segundo. As asociacións e clústeres solicitantes deberán manifestar expresamente a súa adhesión ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica mediante a aceptación expresa dos prezos de adquisición, que serán os mesmos que os que sufrague a Administración autonómica.

Terceiro. A Administración autonómica comprométese a entregar e repartir as máscaras solicitadas nos termos indicados nos puntos anteriores, en función das súas dispoñibilidades.

Cuarto. Os custos de distribución serán asumidos pola Administración autonómica sempre que se poidan arbitrar sistemas centralizados que eviten un número elevado de reparticións individuais desde a plataforma loxística da Xunta de Galicia.

Quinto. Os adheridos, pola súa banda, asumen o compromiso de ingresar no Tesouro de Comunidade Autónoma de Galicia o importe equivalente ao custo do material recibido unha vez que lles sexa entregado.

Tal acordo foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia número 74, do 17 de abril de 2020.

Segundo.

Dada a dificultade de conseguir todo tipo de material e, principalmente, as máscaras, nos primeiros momentos da pandemia, tomando como referencia o acordo do Consello da Xunta, a Administración autonómica puxo á disposición dos establecementos, asociacións, confederacións e clústeres as máscaras que tiña en cada momento e subministráronselles a todos aqueles que as solicitaron. Para a subministración, as asociacións e clústeres que conforman o tecido empresarial galego manifestaron expresamente a súa adhesión ao sistema de compras, aceptando que os prezos de adquisición serán os mesmos que os que sufrague a Administración autonómica.

Terceiro.

O Servizo Galego de Saúde, unha vez entregadas as máscaras, iniciou os trámites para o cobramento mediante a emisión das correspondentes facturas.

Cuarto.

Debido á volatilidade do mercado, non se puido prever, no momento en que se publicou o acordo citado, o prezo que deberían satisfacer as empresas que manifestaron a súa adhesión ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica.

De cara a compensar o prexuízo económico derivado da evolución dos prezos medios de adquisición das máscaras ao longo da pandemia con relación ao facturado, cómpre conceder a tales entidades axudas directas por interese económico, ao abeiro do artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que estas axudas se concederán, con carácter excepcional, por razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

A concorrencia destas axudas queda garantida pola publicidade do acordo da Cecop para a entrega das máscaras.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira.

De conformidade co Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (que se configura como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins), este desenvolve as competencias que no ámbito sanitario corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia.

No exercicio das ditas competencias, o Servizo Galego de Saúde asumirá a concesión e o pagamento dunhas axudas extraordinarias outorgadas para complementar a diferenza entre o prezo facturado polo Servizo Galego de Saúde (prezo medio ponderado das compras realizadas) ás empresas, asociacións, federacións e clústeres adheridas ao sistema de compras centralizado da Administración autonómica derivado do acordo do Cecop do 14 de abril de 2020 e a estimación feita nun primeiro momento sobre o prezo das máscaras.

Segunda.

A presente resolución rexerase:

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

– Polos preceptos de carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

– Pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceira.

O artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, prevé un procedemento de concesión directa de subvencións. No punto 2 sinala que «As propostas de acordo ou resolución de concesión, ou o instrumento do convenio que se autorice a subscribir, deberán axustarse ás previsións contidas na presente lei, salvo no que afecte a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, e conterán, como mínimo, os seguintes criterios:

a) Definición do obxecto das subvencións, con indicación do carácter singular destas e as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario e aquelas que xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Réxime xurídico aplicable.

c) Beneficiarios e modalidades de axuda.

d) Réxime de xustificación da aplicación dada ás subvencións polos beneficiarios e, de ser o caso, entidades colaboradoras.

Cuarta.

O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, desenvolve a previsión contida no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; así, no artigo 36, letra c), dispón que poderán concederse, de forma directa e con carácter excepcional, aquelas outras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

No artigo 40 disponse, con relación ás subvencións de concesión directa en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública, o seguinte:

1. A concesión directa de subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública, poderá instrumentarse a través de resolución ou convenio que, en todo caso, deberán axustarse ás previsións contidas na Lei de subvencións de Galicia, salvo no que afecte a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, e conterán, como mínimo, os seguintes criterios:

a) Definición do obxecto das subvencións, con indicación do seu carácter singular e das razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario ou aquelas que xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Beneficiarios e modalidades de axuda.

c) Crédito orzamentario a que se imputa o gasto e a contía da subvención, individualizada, se é o caso, para cada beneficiario, de seren varios.

d) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e aboamentos á conta, así como o réxime de garantías que, de acordo co disposto neste regulamento, deberán achegar os beneficiarios.

f) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario e, de ser o caso, da entidade colaboradora do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

h) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. O expediente incluirá, como mínimo, os seguintes documentos:

a) Unha memoria na cal se xustifiquen, claramente e de maneira detallada, as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario, ou outras que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública e o seu carácter excepcional.

b) Os informes previstos no artigo 18.2 do presente regulamento. Con todo, estes informes non se lles exixirán ás subvencións que se concedan mediante resolución e que non superen as contías a que se refire o punto 4 deste artigo.

c) As propostas de acordo ou resolución de concesión, ou o instrumento do convenio que autorice a subscribir.

3. Cando a subvención sexa concedida mediante convenio e o importe sexa superior a 150.000 euros ou teña carácter plurianual, a aprobación do convenio requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

4. Cando a subvención sexa concedida mediante resolución e a súa contía supere o importe de 6.010 euros por beneficiario e ano, ou as concedidas por cada departamento da Administración autonómica excedan globalmente os 60.100 euros no exercicio, a aprobación da resolución requirirá da autorización previa do Consello da Xunta de Galicia. Os importes anteriores elevaranse a 12.000 euros e 120.300 euros, respectivamente, para o servizo correspondente á Secretaría Xeral da Presidencia.

Vistos a Lei 38/2003, do 17 de novembro, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade coas competencias que me atribúe o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e finalidade da axuda concedida

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa de axudas, de carácter extraordinario, destinadas ás entidades adheridas ao sistema de compra centralizada de máscaras pola Administración autonómica galega, en execución do acordo do Cecop do 14 de abril de 2020, co obxecto de minimizar o impacto financeiro da pandemia nos operadores económicos e compensar o prexuízo económico ocasionado pola diferenza entre o prezo facturado e a evolución dos prezos medios de adquisición das máscaras ao longo da pandemia.

Segundo

O procedemento de concesión destas axudas quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Terceiro. Compatibilidade con outras modalidades de axudas

Esta axuda non é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, das que puidesen beneficiarse as persoas destinatarias da axuda, que superen o importe global do importe facturado.

Cuarto Crédito orzamentario

Estas axudas faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 50.01.411A.470.00, Transferencias a empresas privadas, e 50.01.411A.481.00, Transferencias a institucións sen fins de lucro, do orzamento de gastos do Servizo Galego de Saúde para o ano 2022, por importes de 186.679,50 e 621.778,50 euros, respectivamente.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren os beneficiarios outras axudas baixo este réxime de minimis, estas non superarán o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma de axuda de minimis ou do obxecto perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

Quinto. Entidades beneficiarias e contía da axuda

Serán entidades beneficiarias da axuda de carácter extraordinario aquelas ás cales, na data de aprobación desta resolución, conste que se lles entregaron as máscaras durante a pandemia COVID-19, logo de manifestación da súa adhesión ao sistema de compras centralizada da Administración autonómica.

A contía da axuda correspóndese co importe que o Servizo Galego de Saúde facturou a cada entidade beneficiaria á cal se lle subministraron as máscaras e o prezo estimado nos primeiros momentos da pandemia COVID-19 (a diferenza entre 0,57 € e 0,36 €) e aboarase do xeito que se indica no ordinal sétimo.

Sexto. Documentación

As empresas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

– Declaración responsable de non superaren os límites no caso de que as beneficiarias recibisen outras axudas baixo o réxime de minimis.

– Declaración responsable de non estaren incursas en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– Declaración xurada en que conste o compromiso de cumprimento das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo do disposto no seu artigo 31.7 ou, de ser o caso, certificacións de estaren ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, cando así o prevexa a normativa vixente.

Sétimo. Pagamento e xustificación

O pagamento das axudas realizarase mediante a compensación dos cobramentos e dos pagamentos, para o que se realizarán as operacións contables oportunas.

Non se require xustificación ao estaren amparadas estas axudas polo establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, ao seren concedidas en atención á concorrencia dunha situación determinada.

Os beneficiarios destas axudas serán as federacións, clústeres, asociacións e os membros destas que recibiron as máscaras.

Oitavo

O Servizo Galego de Saúde comprobará que as empresas cumpran co exixido no ordinal quinto referente ás declaracións responsable e xurada.

Noveno Reintegro

Procederá a obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e segundo o disposto nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo. Comunicación complementaria da concesión e renuncia

De conformidade coa Lei 38/2003, do 17 de novembro, esta resolución e a información sobre a subvención serán comunicadas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

De conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, todas as persoas físicas ou xurídicas subvencionadas a través desta resolución están obrigadas, logo de requirimento, a subministrar toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas de transparencia da actividade pública; prevense multas coercitivas no caso do incumprimento desta obriga. Segundo o artigo 17 da citada lei, ademais da información que debe facerse pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, a Administración autonómica publicará o texto íntegro desta resolución.

A subvención enténdese aceptada tacitamente. No caso de renuncia, a empresa beneficiaria deberá comunicalo ao Servizo Galego de Saúde no prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación da resolución de concesión.

Décimo primeiro. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta resolución estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, polo que as entidades beneficiarias quedan obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo segundo. Impugnación

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Presidente do Servizo Galego de Saúde

missing image file