Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64331

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022 pola que se axustan as anualidades da Resolución do 18 de febreiro de 2022, pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

Antecedentes:

O 3.3.2022 publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 18 de febreiro de 2022 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

O ordinal terceiro da Resolución do 18 de febreiro de 2022 regula o crédito orzamentario da convocatoria e indica no seu punto primeiro que as axudas previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, polos importes de 2.991.655 euros para a anualidade de 2022 e 10.463.535 euros para a anualidade de 2023, respectivamente.

Fundamentos de dereito:

O orzamento da convocatoria calculouse prevendo que o maior número de solicitudes se formularían para realizar as actuacións no ano 2023, pero, pechado o prazo de presentación de solicitudes, compróbase que o maior número de solicitudes son formuladas para realizar as actuacións con cargo á anualidade de 2022, o que obriga a unha redistribución dos créditos establecidos inicialmente, ao abeiro do artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte: «A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente axuste de anualidades no expediente de gasto».

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Redistribuír os créditos dispoñibles establecidos no ordinal terceiro da citada resolución, que terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

08.81.451A.780.8 2022 00005

Crédito inicial

2022

2023

2.991.655 €

10.463.535 €

Crédito final

4.291.655 €

9.163.535 €

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta redistribución non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego de Vivenda e Solo