Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 9 de decembro de 2022 Páx. 62638

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, situado no termo municipal de Covelo (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

O artigo 1.2 da devandita LPCG establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».

O artigo 8.2 da LPCG establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 10.1.a) da LPCG define a categoría de monumento como «[...] a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O 9.5.1990, a Comisión diocesana para o patrimonio cultural do bispado de Tui-Vigo solicitou declarar o templo parroquial e a casa-pazo abacial de Barcia de Mera como ben de interese cultural, pero non se chegou a incoar a declaración. Agora, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades decidiu, de oficio, iniciar o procedemento de declaración de ben de interese cultural do conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera polo seu especial interese para o patrimonio cultural de Galicia. A incoación do procedemento está xustificada nos informes elaborados polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en que se configura o ben como exemplo de conxuntos arquitectónicos barrocos de excepcional calidade artística e arquitectónica.

Como consecuencia do anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 19 do Decreto 119/2022, do 20 de xuño, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural inmoble, na categoría de monumento, co nivel de protección integral, o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, situado no termo municipal de Covelo, conforme a delimitación e o descrito nos anexos desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Incoar simultaneamente o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o conxunto de bens mobles recollidos no anexo III desta resolución, localizados no conxunto monumental.

Terceiro. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Cuarto. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e os bens catalogados. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, dezaoito (18) meses para o procedemento de catalogación, desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Quinto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Covelo, que deberá suspender a tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas (debendo ser notificadas as solicitudes á consellería competente en materia do patrimonio cultural), así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. As intervencións establecidas no artigo 45 da LPCG que se promovan nos contornos de protección delimitados de xeito provisional requirirán da autorización por parte da consellería competente en materia de patrimonio cultural (artigo 19.1 da LPCG).

Sétimo. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente. A consulta realizariase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita, ou no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en Pontevedra (avenida Mª Victoria Moreno, nº 43, 36071 Pontevedra).

Oitavo. Ordenar que se solicite o ditame dos órganos asesores e consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro nos bens obxecto desta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera.

2. Localización.

Lugar do San Amaro, parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, concello de Covelo, comarca da Paradanta, provincia de Pontevedra.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29) do conxunto parroquial: X: 549.247, Y: 4.678.779.

3. Descrición xeral.

• Natureza: inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese cultural: histórico, arquitectónico, artístico e etnolóxico.

• Bens que conforman o conxunto parroquial: igrexa parroquial, casa reitoral ou pazo abacial, as construcións adxectivas e os espazos vinculados a elas, adro da igrexa e o igrexario.

4. Descrición do ben.

O conxunto parroquial de Barcia de Mera está constituído pola casa reitoral e a igrexa parroquial de Barcia de Mera que ocupan, de xeito illado, parte do eido do igrexario parroquial. O pazo localízase na parte nordés, apegado ao camiño de acceso, que conforma o límite leste da propiedade, mentres que a igrexa está no centro do adro. Ademais, existen dentro deste espazo outras construcións que completan o conxunto.

a) A igrexa parroquial.

A igrexa sitúase no centro do adro, con planta de cruz latina en que a nave central se divide en dous tramos desiguais separados por un arco faixón que descansa en pilastras e que se manifesta ao exterior con contrafortes, tanto esta nave como o cruceiro e a cabeceira están cubertos por bóvedas de cruzaría ou nervadas, mentres que os brazos do transepto dispoñen de bóvedas de canón. Na súa esquina nordés atópase a sancristía e na noroeste érguese a torre do campanario, con acceso por unhas escaleiras exteriores que chegan a un primeiro nivel situado sobre o baptisterio. Os muros están executados con dobre fábrica de cantaría de granito sen morteiro nas xuntas.

A igrexa conta con tres accesos, o principal da portada occidental resolto cun arco alintelado e outros dous enfrontados no tramo da nave central próximo ao cruceiro, rematados con arco escarzano polo interior e lintel decorado polo exterior. Ademais, constan diversas aperturas nos muros para iluminar o templo, de forma rectangular e proporción vertical. O acceso á tribuna realízase por unha escaleira interior de pedra apegada ao muro sur da nave central.

A torre do campanario ten unha planta cadrada e está composta por tres volumes gradrados en altura. Acada unha altura de 20 m, moi superior á de calquera elemento do conxunto parroquial.

A fachada occidental da igrexa de Barcia de Mera é sobria, pero está decorada cunha serie de elementos clásicos, entre os que destaca a portada composta por un par de pilastras sobre as cales se dispón unha arquitrabe decorada e, sobre ela, un tímpano partido de traza curva, que contén a imaxe do patrón –San Martiño–, do que arranca outro xogo de pilastras que rodea o oco central de iluminación da igrexa. A cornixa de remate da fachada é a dúas augas, que desaugan en dúas gárgolas que voan considerablemente sobre a fachada. A cornixa ten un tramo central horizontal no cal se apoia unha fornela que acolle a figura de Santa Bárbara.

Os lenzos das fachadas da cabeceira e do transepto están espidos de decoración e os únicos elementos ornamentados son a cornixa e os pináculos localizados en cada un dos vértices da cuberta. Os beirís están formados por unhas singulares pezas de pedra onduladas, que recollen as pezas de tella cerámica curva da cuberta.

b) Outras construcións vinculadas coa igrexa parroquial: o adro.

O desnivel existente entre a estrada que dá fronte á parcela en que se localiza o conxunto parroquial e a explanada onde se ergue a igrexa, situada máis baixa, sálvase con dúas escaleiras de pedra. O adro ocupa a totalidade da explanada onde se ergue a igrexa delimitada por un muro poligonal. A carón da escaleira de acceso sueste localízase un pequeno edificio de dúas plantas, coñecido como a «casa da obra».

No perímetro do adro hai varios nichos mortuorios de pedra, de mediados do século XIX e principios do XX, algúns están coroados por figuras humanas e pináculos. Nun dos seus extremos, o leste, sitúase un altar, mentres que, ao pé da fachada oeste e parte da norte, o adro está pavimentado con lousas de pedra, en parte recuperadas de antigas sepulturas. Apegadas ao muro que delimita o sur do adro hai unhas lousas procedentes de sepulturas e outras pedras, amais dunha pía.

c) O pazo abacial.

O denominado pazo abacial tivo como destino servir de residencia ao cura da parroquia e acolle outras dependencias secundarias, tales coma muíño, forno, adega, ferraría, hórreo, etc., dentro dunha importante explotación agrícola.

O pazo abacial é un edificio exento de planta rectangular, articulado arredor dun patio interior, lixeiramente descentrado. Nos lados norte, leste e sur, o edificio confórmase cunha única coxía delimitada polos muros perimetrais e polos que pechan o patio interior. Non obstante, o lado oeste ten unha dobre coxía, cun muro interior lonxitudinal no cal se embeben dúas escaleiras. Esta configuración tamén se pode describir como unha planta cadrada arredor dun patio central, tamén cadrado, a que se acaroa unha coxía máis no lado oeste. A planta adopta unha configuración cunha xeometría moi simple pero moi rica e complexa a nivel espacial.

Na cara norte atopamos dous volumes acaroados: no extremo oeste un balcón aberto, cuberto e apoiado por columnas e, enfrontado ao patio, un volume pechado que semella terse engadido posteriormente.

O sinxelo volume do edificio acolle na súa maior parte dúas alturas, aínda que hai zonas dunha única planta e outras de ata tres, debido a que se sitúa nun terreo en pendente que descende de leste a oeste, quedando parcialmente soterrado, en concreto, o corpo leste paralelo á estrada. No edificio podemos atopar ata seis niveis diferentes, mostra da súa complexidade.

A entrada prodúcese a través dun pequeno adro pavimentado e tras a porta atopamos un espazo exterior cuberto que comunica co patio interior, no cal se dispoñen varios patíns de acceso ao edificio.

Os muros portantes, de algo menos dun metro de espesor, están construídos na súa maioría con dúas follas de aparello de cantaría de granito sen morteiro nas xuntas. Os muros que pechan o volume que acolle o muíño son de cachotaría concertada, ao igual que algunhas partes da cara interior dos espazos dedicados ao servizo do pazo, coma a adega e o celeiro.

A estrutura da cuberta é a orixinal ou similar a ela, composta por tesoiras, pontóns e cangos de madeira, sobre a que se dispón a cuberta de tella cerámica plana, que seguramente debeu substituír a tella orixinal no século XX.

As fachadas do pazo abacial son de proporción horizontal e a súa composición está determinada pola posición dos ocos abertos nos muros. Os muros perimetrais do pazo están coroados pola cornixa moldurada, baixo a que hai unha faixa horizontal a modo de falsa imposta que percorre as fachadas sur (interrompida polo tímpano da entrada), oeste e parte da norte.

A auga da cuberta cae desde o característico beiril ondulado, aínda que hai seis gárgolas dispostas estratexicamente con que se pretende separar da fachada parte da auga. Catro delas están nas esquinas do patio e outras dúas -que representan aves coroadas-, flanqueando a entrada.

A portada da fachada principal do edificio é o elemento máis singular de todo o conxunto. O oco da porta está decorado con catro orelleiras e sobre el disponse un arco alintelado que ten na súa clave diversos elementos ornamentais (florón, flor de lis e cuncha). Unha segunda orde da entrada constitúena un par de pilastras –flanquedas por unha decoración de espirais e botóns– sobre as que se dispón unha arquitrabe decorada con rombos, floróns, bustos humanos, que no seu centro contén a cartela coa inscrición MDCCLII, relacionada coa data de finalización da súa construción (1752). Enriba disponse un peite profusamente decorado, formado por un tímpano semicircular partido que contén dúas gárgolas con forma de ave coroada e diversos elementos ornamentais de carácter xeométrico, placas colgantes e cadrados, e vexetal, follas e flores. O escudo coas cinco estrelas, presente tamén no interior da igrexa e da sancristía, parte o frontón e aparece bordeado dunha profusa decoración vexetal e flanqueado por dous grandes floróns e un reberete que xira formando unha especie de peite de cinco puntas nas que se dispoñen uns estrambóticos pináculos rematados por piñas e que coroa a singular figura humana que sostén unha grande esfera.

A gran cheminea cilíndrica do pazo é un elemento excepcional, cunha presenza, visibilidade e notoriedade que compite coas do peite que sobresae da portada do edificio.

Por outra parte, o interior do pazo abacial conta con diversos elementos singulares como a propia cociña, constituída por unha grande estancia pavimentada con lousas de pedra e toda ela bordeada por muros de cantaría, na cal resalta a lareira de grandes dimensións. A cambota de pedra está apoiada nun dos muros transversais e en dúas columnas de estilo dórico ás que apegaron dúas xambas e linteis que pechan o seu espazo. Tras a lareira sitúase unha escaleira de pedra de dous tramos cuxos chanzos semellan estar apoiados nun piar central.

Os muros da cociña conteñen diversos ocos e fornelas entre os que destaca unha singular obra de enxeño hidráulico composta por varios vertedoiros. Tamén hai que destacar que no cuarto que alberga o muíño, que conserva o seu pé, aparecen un desaugadoiro, un forno e o que semella ser unha latrina.

Outro dos elementos máis singulares do pazo abacial son as tres escaleiras de trama recta que, embebidas no muro lonxitudinal que separa os dous grandes salóns, conducen ao faiado e á planta inferior.

Así mesmo, hai que indicar que o pazo abacial ten unha serie de construcións auxiliares: un alpendre apegado ao adro da igrexa, un hórreo, un lavadoiro e un gran muro de contención das terras da plataforma sobre a cal se asenta o pazo.

d) Elementos de valor artístico da igrexa parroquial de San Martiño de Barcia de Mera.

A Igrexa parroquial de San Martiño de Barcia de Mera representa un singular exemplo da arquitectura barroca en Galicia, polo seu concepto de arquitectura culta de trazos composteláns.

O eixe central da fachada principal está remarcado por dúas esculturas pétreas de vulto redondo sobre cornixas moi voadas, que están acubilladas en senllas fornelas con arcos lobulados, a do patrón titular da parroquia de Barcia de Mera no corpo principal, San Martiño, como bispo, e no corpo saínte de remate a de Santa Bárbara, protectora da morte súbita, que conserva case intactos os seus atributos: a torre na man esquerda e a palma de martirio na dereita.

Merece mención o remate deste corpo saínte, que presenta unha cruz latina pétrea sobre un basamento tamén con cornixa moi voada cun alto relevo de dúas tibias cruzadas baixo unha caveira, iconografía orixinaria dos cabaleiros hospitalarios da Orde de Malta, que a incorporaban nos seus sepulcros, recollendo o seu uso común en Terra Santa e que, posteriormente, foi estendido polas irmandades das Ánimas. Esta iconografía tamén está presente nalgunhas das sepulturas do adro da igrexa.

A porta de acceso, centrada na fachada a partir deste eixe vertical, é rectangular e está enmarcada por unha profusión de molduras rectilíneas delimitadas por dúas pilastras dobres de grandes dimensións, que soportan unha arquitrabe e un frontón partido. A torre-campanario, lixeiramente retraída do aliñamento da fachada, xúntase a ela polo norte.

Dentro da igrexa, o conxunto artístico destaca polo seu colorido, tanto na retablística como nalgunhas partes integrantes da arquitectura, especialmente o púlpito e os nervios das bóvedas.

Entre os motivos decorativos das bóvedas de cruzaría chaman especialmente a atención os medallóns do cruceiro e da sancristía, co escudo de armas que pertence, sen dúbida, ao promotor da igrexa ou ben ao seu sobriño Alberto Barreyro y Bello, encargado de rematar o proxecto. Tamén destaca un brasón vinculado con este, de cinco estrelas de oito puntas coa central de maiores dimensións ca as outras catro que a rodean. Así mesmo, os medallóns da bóveda que cobre a parte central da nave presentan a San Martiño no centro rodeado polos catro pais da Igrexa do rito latino: Santo Ambrosio de Milán, San Xerome de Estridón, Santo Agostiño de Hipona e San Gregorio Magno.

O púlpito de base de pedra atópase cara ao altar maior na intersección co brazo do evanxeo no cruceiro. Está asentado sobre unha peza decorada con molduras e óvalos. Tanto a balaustrada como o dosel de resonancia octogonal son de madeira torneada e policromada.

Na planta baixa da torre, apegada ao muro norte do primeiro tramo da igrexa, destaca unha pía bautismal policromada, con vaso ovalado e rematado nunha cornixa decorada con motivos xeométricos, mentres que aos pés da nave, custodiando o acceso principal, hai dúas pías de auga bendita sobre o pavimento, moi sinxelas, pero diferentes entre si e que parecen cronoloxicamente anteriores á igrexa actual.

A esta mesma altura da nave e detrás da pía de auga bendita do lado do evanxeo, una cavidade no pavimento serve para acomodar os péndulos e pesas do antigo reloxo de torre mecánico encargado por Francisco Núñez, cura da parroquia, en 1848.

Tras as obras de remodelación da igrexa debeuse acometer a construción dos retablos, entre o segundo terzo do século XVIII e principios do XIX comezando polo maior, das Ánimas e do Rosario, e terminando cos pequenos do cruceiro e os da nave. O plan xeral dos retablos é o seguinte: preside no presbiterio o retablo maior, baixo a advocación principal da igrexa de San Martiño; enmarcando o dito retablo, nos brazos do transepto, atópanse os retablos máis pequenos, dedicados a Santa Lucía e San Bieito. Enfrontados na nave principal atópanse os retablos do Sagrado Corazón e das Dores. Nos brazos do cruceiro atópanse os retablos das Ánimas e do Rosario. Tres deles teñen inscricións que datan a construción e a policromía en 1808, aínda que as súas mesas de altar foron repolicromadas a finais do século XIX ou principios do XX.

5. Estado de conservación.

O estado de conservación dos distintos elementos que compoñen este conxunto parroquial é diverso, así as terras do igrexario están abandonadas e sen aproveitamento, o mesmo que os elementos construtivos e naturais que o caracterizan, como o hórreo, o lavadoiro, o curso de auga, a horta e algúns dos muros, mentres que os elementos construtivos que conforman o adro da igrexa parroquial presentan un bo estado de conservación.

Polo que respecta á igrexa parroquial, hai que indicar que presenta un estado de conservación aceptable, ben que se detectaron unha serie de patoloxías como fendas no muro que separa a igrexa da sancristía, humidades que presenta a parede que separa a torre-campanario do primeiro tramo da nave central da igrexa e falta o reloxo, que estaría a carón do pináculo esquerdo, situado sobre o frontón partido que remata a porta de acceso á igrexa.

O estado de conservación dos retablos, do púlpito e das imaxes relixiosas da igrexa parroquial é bo, xa que foi obxecto dunha restauración recentemente.

Polo que respecta ao pazo abacial, hai que mencionar que presenta un estado de conservación diferente segundo as partes consideradas. Mentres os muros estruturais están en bo estado e mantén a totalidade da cuberta, a maior parte dos pisos foron substituídos por forxados de formigón na década de 1980. Tamén falta o piso de dúas estancias. As partes rehabilitadas dos corpos leste e sur teñen un estado de conservación aceptable, aínda que a falta de uso e mantemento está afectándoas. O resto das estancias están sen uso desde hai anos e o mal estado da carpintaría e da cuberta poñen en perigo a súa permanencia.

A denominada casa da obra, situada ao sueste do adro, atópase en mal estado xa que, aínda que conserva os elementos principais da súa envolvente, o seu interior está arruinado.

O hórreo existente ao oeste do pazo abacial presenta un mal estado de conservación, xa que unicamente permanecen os elementos pétreos e desapareceron a estrutura e cerramento de madeira e a cuberta de tella cerámica.

6. Valoración cultural.

O conxunto parroquial de Barcia de Mera substituíu un templo anterior e as súas obras deberon comezar no último cuarto do século XVII. A construción da igrexa parroquial prolongouse ata mediados do século XVIII, momento en que se construíu o pazo abacial. A principios do século XIX executáronse elementos no interior da igrexa parroquial, construíuse a casa da obra e reformouse parcialmente o pazo abacial.

Os edificios e as construcións que conforman este ben adáptanse á topografía do terreo, dominando a paisaxe cunha perfecta integración territorial. Nunha lograda articulación de espazos e funcións, a función relixioso-simbólica mestúrase co uso residencial-representativo, que tamén se dota dunha compoñente produtiva –como explotación agrícola–, que manifesta o poder do estamento clerical neste territorio rural.

O conxunto parroquial de Barcia de Mera é unha mostra excepcional da arquitectura da diocese de Tui dos séculos XVII e XVIII e, por extensión, da arquitectura barroca desenvolvida no medio rural galego.

O conxunto e cada unha das súas partes responden a un esquema coherente en que se poden apreciar as características do barroco, nunha singular mestura de linguaxe culta-urbana e popular-rural. Neste ben podemos apreciar como se combina unha arquitectura de referencias urbanas, debedora do estilo barroco compostelán que dominou ese período, con outros elementos que responden ás formas de construción tradicional e debedoras do saber popular.

Todas as construcións do conxunto son dunha elevada calidade. Empregouse nos edificios máis representativos unha fábrica de cantaría de granito que lle outorga unha gran monumentalidade ao ben, en que destaca o pazo abacial tanto pola súa composición e singular distribución como pola rareza dalgúns dos elementos artísticos que o compoñen, como a portada coroada pola recoñecida e singular peita, que se converteu no elemento máis representativo e simbólico do conxunto.

Ademais, o conxunto parroquial de Barcia de Mera mantivo -ata hai ben pouco- o seu uso orixinal, chegando aos nosos días cun estado de conservación aceptable, sobre todo se temos en conta os máis de tres séculos transcorridos desde o inicio da súa construción, e aínda que sufriu cambios ao longo da súa dilatada historia, estes non desvirtúan a súa autenticidade nin impiden apreciar as súas características relevantes e atributos, o que dá fe da súa integridade. A pesar da falta de mantemento e das alteracións producidas nalgunhas partes, o conxunto mantén as súas características definitorias.

7. Usos.

O uso da igrexa parroquial é o relixioso, mentres que a casa da obra, localizada no adro, que estivo vinculada co templo, agora atópase sen uso. Pola súa parte, o pazo abacial foi a residencia do párroco e o resto das construcións de carácter agrícola estiveron vinculadas a este uso.

8. Réxime de protección.

8.1. O inmoble.

Esta resolución de incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural o inmoble determina a aplicación inmediata, aínda que provisoria, do réxime de protección previsto na LPCG para os bens xa declarados, segundo o seu artigo 17 e, complementariamente, o establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación e, de forma resumida:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos.

No caso da casa reitoral e da casa da obra poderán realizarse obras de rehabilitación e reestruturación que corrixan intervencións anteriores que afectaron a configuración orixinal do inmoble, que non sexan coherentes cos seus valores culturais ou que resulten imprescindibles para a implantación de novos usos acordes coa protección do inmoble ou por razóns de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático, accesibilidade, hixiene, salubridade ou seguridade de utilización.

En calquera caso, as intervencións respectarán sempre os valores culturais do inmoble; nomeadamente a súa configuración espacial, a tipoloxía e a forma estrutural, a natureza e as características que definen os materiais construtivos e os de acabamento, e procurarán conservar, de forma íntegra, todos os elementos escultóricos e decorativos de relevancia artística e/ou histórica realizados en pedra, madeira ou metal, que deberán ser obxecto de intervencións de restauración proxectadas, dirixidas e realizadas por persoas coa titulación, formación e experiencia suficiente e necesaria nesta materia.

Salvo para realizar intervencións de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e/ou restauración, conforme os tipos de intervención descritos no artigo 40 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, será necesario redactar un proxecto ou plan integral de conservación que estude de forma interdisciplinar, atendendo á totalidade do BIC, a incorporación de novos usos e as previsións de intervencións de rehabilitación e/ou reestruturación. O dito proxecto ou plan integral de conservación establecerá as intervencións de investigación previas imprescindibles para completar o coñecemento do ben e as de valorización do conxunto en relación cos novos usos incorporados.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufra e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Transmisión: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma fidedigna, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

• Exportación: a súa exportación queda prohibida en aplicación do disposto no artigo 5.3 da LPHE, sen prexuízo de que poida ser autorizada pola Administración do Estado a súa saída temporal nas condicións que se determinen e tomando en consideración que o incumprimento delas ou do seu retorno terá a consideración de exportación ilícita.

8.2. Os bens mobles.

O nivel de protección dos bens mobles inscritos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia debe ser conducente a garantir a súa integridade e a salvagarda dos seus valores culturais, mantendo o seu estado orixinal para que o ben perdure e poida transmitirse ás xeracións futuras.

O conxunto dos bens mobles recollidos no anexo III, como elementos singulares do patrimonio artístico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. En concreto, pode resumirse en:

• Autorización: a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso a estes por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens catalogados están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufra e que afecte de forma significativa o seu valor cultural. Este deber corresponderalles tamén aos concellos en cuxo territorio se encontren os bens no momento en que teñan constancia de tal estado.

• Proxectos de intervención e habilitación técnica: as intervencións que se realicen sobre bens integrantes do patrimonio artístico catalogados, autorizadas pola consellería competente, deberán ser dirixidas e, de ser o caso, executadas por persoas coa oportuna capacitación ou habilitación técnica ou profesional, segundo proxectos de intervención.

• Traslados: respecto do réxime de traslado de bens mobles catalogados, a lei prevé que quen promova o traslado de bens mobles catalogados deberá realizar unha comunicación previa á consellería competente en materia de patrimonio cultural. A dita comunicación conterá a información relativa á orixe e ao destino dos bens mobles catalogados e ao motivo e tempo de desprazamento, así como ás condicións de conservación, seguridade, transporte e aseguramento.

En canto á posibilidade de traslado dos bens mobles, cómpre sinalar que o conxunto dos bens se considera vinculado ao propio inmoble en que se atopan.

Anexo II

Delimitación do ben e do contorno de protección provisional

Este ben está conformado por un amplo conxunto de edificacións, construcións e terreos, polo que a súa delimitación debe abranguelos todos. A liña exterior do denominado igrexario de Barcia de Mera é asimilable coa parcela catastral de que é titular a Diocese de Tui-Vigo, que engloba a totalidade do conxunto parroquial.

Para a delimitación do contorno de protección tomouse como referencia a topografía, tratando de definir a cunca visual, e empregáronse os elementos xeográficos que constitúen límites físicos de por si, coma o río Alén, que tamén marca a división entre municipios; os camiños e estradas que acostuman separar eidos distintos, e o parcelario histórico na escala máis miúda.

O seguinte plano contén a delimitación do conxunto parroquial de Barcia de Mera e a do seu contorno de protección.

Delimitación gráfica

missing image file

ANEXO III

Patrimonio moble vinculado á igrexa parroquial de San Martiño de Barcia de Mera

Denominación

Técnica

Cronoloxía

Localización

1

Talla de San Martiño

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela principal do primeiro corpo do retablo maior

2

Talla de Santa Bárbara

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela principal do segundo corpo do retablo maior

3

Talla de Santo Alberte Magno

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela do lado do evanxeo do primeiro corpo do retablo maior

4

Talla de Santo Antón

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela do lado do evanxeo do segundo corpo do retablo maior

5

Talla Virxe co neno

Talla policromada

Século XVI

Fornela do lado da epístola do primeiro corpo do retablo maior

6

Talla San Francisco

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela do lado da epístola do segundo corpo do retablo maior

7

Talla de Santa Lucía

Talla policromada

1808

Fornela central do retablo de Santa Lucia, arco do triunfo do lado do evanxeo

8

Talla de San Martiño

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela do ático do retablo de Santa Lucía, arco do triunfo do lado do evanxeo

9

Talla de San Bieito

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Retablo de San Bieito, arco do triunfo do lado da epístola

10

Talla de Cristo crucificado

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela central do retablo das Ánimas, brazo do evanxeo da nave da cruz

11

Talla de San Xoán

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela lateral esquerda do retablo das Ánimas, brazo do evanxeo da nave de cruz

12

Talla de San Lázaro

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela lateral dereita do retablo das Ánimas, brazo do evanxeo da nave de cruz

13

Talla da Virxe dolorosa

Talla policromada

Segundo terzo do século XIX

Muro oeste do brazo do evanxeo da nave da cruz

14

Talla da Virxe do Rosario

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela central do retablo do Rosario, brazo da epístola da nave da cruz

15

Talla de Santa Ana

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela lateral esquerda do retablo do Rosario, brazo da epístola da nave da cruz

16

Talla de San Xoaquín

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela lateral dereita do retablo do Rosario, brazo da epístola da nave da cruz

17

Talla de San Xosé

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela principal do retablo de San Xosé

18

Talla de San Roque

Talla policromada

Segunda metade do século XVIII

Fornela lateral esquerda do retablo de San Xosé

19

Talla de San Brais

Talla policromada

1874

Fornela lateral dereita do retablo de San Xosé

20

Talla da Virxe do Carme

Talla policromada

1853

Fornela central do retablo da Virxe do Carme no muro da epístola da nave central

21

Talla de Santo Ignacio de Loyola ?

Talla policromada

Primeiro terzo do século XVIII

Fornela lateral dereita do retablo da Virxe do Carme no muro da epístola da nave central

22

Talla de San Francisco Xabier ?

Talla policromada

Segundo terzo do século XVIII

Fornela lateral esquerda do retablo da Virxe do Carme no muro da epístola da nave central

23

Cruz relicario Lignum Crucis

Moldeado

1683

Fornela principal do primeiro corpo do retablo maior

24

Cruz procesional

Moldeado e repuxado

Primeira metade do século XVI

Fornela principal do primeiro corpo do retablo maior