Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 9 de decembro de 2022 Páx. 62666

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2022 pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), como medio propio personificado, a realización de actividades de carácter técnico e de xestión do proxecto Sanidade Servizo de Microbioloxía 4.0, Saúde 4.0, en diante, Innova MicroLab, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020, no marco dun convenio de colaboración establecido co Ministerio de Ciencia e Innovación e o Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución do Servizo Galego de Saúde, do 22 de novembro de 2022, pola que se encarga á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) a xestión de actividades do proxecto Sanidade Servizo de Microbioloxía 4.0, Saúde 4.0 (Innova MicroLab).

– Actividades:

a) A coordinación xeral do proxecto Innova MicroLab.

Estas actividades inclúen o seguimento da execución do proxecto, así como a coordinación das diferentes reunións técnicas e de carácter executivo necesarias para o seu desenvolvemento.

b) A realización de accións de difusión do proxecto.

– Natureza e alcance da xestión: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de xuño de 2023.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde