Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 62004

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2022 pola que se amplían os prazos de solicitude, de remate do período subvencionable e de xustificación, e se modifica o artigo 6 da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia do día 4 de novembro de 2022 a Resolución do 20 de outubro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

A convocatoria, no punto 3.2 e no artigo 9 das bases reguladoras, establece o prazo dun mes desde o día seguinte ao de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia para a presentación de solicitudes.

O artigo 4.7 das bases reguladoras establece que nestas subvencións se admitirán aqueles gastos que sexan realizados e pagados desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño de 2023, e o artigo 6.1 das bases reguladoras establece que son gastos subvencionables os que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e sexan realizados e pagados desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2023, polo que o período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2023, ambos incluídos.

O artigo 24.1 das bases reguladoras establece que para ter dereito ao pagamento da axuda se deberán presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención e os formularios establecidos para o efecto antes do 31 de xullo de 2023.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación de prazos se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, sempre que non exceda a metade deles, antes do vencemento do prazo de que se trate, se as circunstancias así o aconsellan e non se prexudican dereitos de terceiros.

En consecuencia, tendo en conta que o prazo de solicitudes aínda está aberto, que se vai ampliar e que estas modificacións non prexudican a concorrencia nin os dereitos de terceiros,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E), ampliándoo a quince (15) días hábiles máis desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Modificar a data de remate do período subvencionable e a data límite de xustificación establecida nos artigos 4.7, 6.1 e 24.1, respectivamente, da Resolución do 20 de outubro de 2022, ampliando ambos os prazos ata o 20 de setembro de 2023.

Terceiro. Modificar o artigo 6 da Resolución do 20 de outubro de 2022, engadindo o punto 4, que resulta redactado como segue:

«4. Consideraranse gastos realizados os que foron efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación deteminado pola normativa reguladora da subvención. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais