Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 1 de decembro de 2022 Páx. 61817

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Begonte, no camiño de Aldea de Arriba, Baamonde.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Begonte, no camiño da Aldea de Arriba, Baamonde, mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 15 de novembro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación das normas subsidiarias de planeamento no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1894&_aaeTipology_WAR_aae_id=1894

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Begonte no camiño da Aldea de Arriba, Baamonde (expediente PTU-LU-16/111)

O 21 de outubro de 2022 tivo entrada documentación relativa ao expediente de referencia, remitida polo Concello de Begonte para os efectos da súa aprobación definitiva.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) establece no artigo 83.6 que as modificacións puntuais dos instrumentos de planeamento urbanístico se tramitarán segundo o procedemento establecido no seu artigo 60.

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Begonte dispón de normas subsidiarias de planeamento (NNSSPP) aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1997, que establecen a ordenación no ámbito desa modificación.

I.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

0. Borrador e documento ambiental estratéxico para a tramitación ambiental datado en decembro de 2016.

0. Informe ambiental estratéxico de data 21.3.2017, con indicación do non sometemento á avaliación estratéxica ordinaria.

1. Informes municipais: técnico, do 17.7.2017, e xurídico, do 9.11.2017.

2. Aprobación inicial por acordo plenario do 17.11.2017.

3. Exposición pública mediante anuncios en El Progreso de Lugo, do 26.11.2027, e no Diario Oficial de Galicia do 18.12.2017. Non se presentaron alegacións, segundo certificación do 20.2.2018.

4. Informes sectoriais estatais emitidos por:

1º. Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, do 18.6.2020.

2º. Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 28.10.2019, favorable condicionado.

5. Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o resultado do trámite do artigo 60.7 da Lei do solo 2/2016, do 10.7.2018:

1º. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 9.5.2018, desfavorable.

2º. Instituto de Estudos do Territorio, recibido o 30.5.2018.

3º. Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de residuos, recibido o 8.5.2018.

4º. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, recibido o 6.4.2018.

5º. Dirección Xeral de Patrimonio Natural, do 12.6.2018.

6º. Augas de Galicia, non foi recibido.

6. Informes municipais: técnico, do 24.6.2020, e xurídico, do 25.6.2020.

7. Aprobación provisional por acordo plenario do 10.7.2020.

8. Novo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de data 5.4.2022, favorable.

9. Informes sectoriais estatais emitidos por:

1º. Subdelegación do Goberno na Coruña, do 2.2.2021, con indicación da inafección a bens estatais e zonas de servidume afectadas á defensa nacional.

2º. Subdelegación do Goberno en Galicia, Área de Industria e Enerxía, do 5.3.2021.

3º. Subdelegación de Defensa na Coruña, do 15.12.2020.

4º. Subdelegación do Goberno na Coruña, Área de Fomento Entidades Xestoras de Seguridade Social, do 10.2.2021.

5º. Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas, do 22.12.2020.

10. Informes municipais: técnico, do 6.9.2002, e xurídico, do 10.6.2022.

11. 2ª Aprobación provisional por acordo plenario do 17.6.2022.

II. Aspectos xerais. Contido.

O ámbito da modificación puntual atópase no núcleo urbano de Baamonde, entre o camiño da Aldea de Arriba, a N-VI e o rego de Vilaflores. Afecta un ámbito de 211.40 m², integrado polas parcelas catastrais 001102300PH08A0001PX, 001101500PH08A0001AX e parte da 27007A008001500000GW.

Na actualidade están ocupados por edificacións tradicionais en moi mal estado de conservación. O territorio histórico do Camiño de Santiago incide parcialmente no ámbito da modificación.

Proponse a aplicación dunha nova ordenanza de núcleo tradicional para emendar a indeterminación de altura e fondo edificable das NNSSPP da ordenanza actual de edificación pechada e posibilitar a renovación do patrimonio arquitectónico. Preténdese o mantemento e supervivencia da trama urbana existente, así como da superficie de zona verde prevista nas NNSSPP, limitando a altura e a volumetría edificatoria, así como implementando determinadas normas estéticas que permitan unha adecuada integración no contorno.

III. Análise e observacións.

III.1. A emenda da indeterminación de parámetros urbanísticos é razón xustificada para promover a modificación do planeamento, eliminando a inseguridade xurídica.

III.2. No proxecto aprobado provisionalmente o 17.6.2022 foron emendadas as consideracións formuladas no informe de consultas do 22.2.2017, mais deberase eliminar o punto 3.8.1. de «área de movemento da edificación».

III.3. En relación co cumprimento de informes sectoriais, deberanse incluír nos planos a ZFP e a Q500, tal e como se indica no punto III.3 das Conclusións e pronunciamentos do informe favorable condicionado da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 28.10.2019.

III.4. En relación co contido do expediente:

– Deberase incluír un plano das normas subsidiarias de planeamento coas tramas e lendas das ordenanzas da modificación puntual, onde se reflicta claramente a nova ordenanza.

– Haberá que corrixir o primeiro parágrafo do punto 1.1. Obxectivos da planificación, onde di aprobar «inicialmente».

– Haberá que corrixir a superficie do ámbito de 165.30 m2 indicada no punto 3.2. polos 211.40 m2 correctos.

III.5. En relación co cumprimento das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP), que entraron en vigor o 25.5.2020, e tras a súa modificación aprobada pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 8.4.2022 (DOG do 25.4.2022), ao ser a modificación puntual aprobada inicialmente en data 17.11.2017, conforme a disposición transitoria primeira, resulta de aplicación unicamente o disposto no título III. En consecuencia, o exemplar aprobado provisionalmente polo concello coas correccións indicadas que se deberá enviar para o Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico segundo o artigo 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, deberá cumprir co artigo 22.1 das NNTTPP, e segundo a disposición transitoria segunda destas achegaranse os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións puntuais correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Begonte no camiño da Aldea de Arriba, Baamonde, con subxección á corrección do indicado nos puntos III2, III.3, III.4 e III.5 anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.