Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61262

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 18 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 19 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN223A).

Mediante a Orde do 19 de agosto de 2022 establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN223A) (DOG núm. 169, do 6.9.2022; DOG núm. 174, do 13.9.2022, e DOG núm. 183, do 26.9.2022).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que «en concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 23 destas bases reguladoras. No caso das actuacións previstas nos artigos 5 e 6 destas bases reguladoras en función da súa especial natureza e, por teren unha continuidade ininterrompida, consideraranse actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 23 destas bases reguladoras».

Pola súa banda, o artigo 23.1 das bases reguladoras dispón que «o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, e a data límite de xustificación será o 30 de novembro de 2022».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 23.1 das bases reguladoras, ampliando o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 23.1 do anexo I da Orde do 19 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN223A)

O artigo 23.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, e a data límite de xustificación será o 14 de decembro de 2022».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación