Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60918

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 15 de novembro de 2022 de modificación da Orde do 30 de xuño de 2022 pola que se autoriza a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos de titularidade desta consellería, de acordo coa nova ordenación establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que a desenvolven, de conformidade co artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, introduce modificacións no seu articulado que, entre outras cuestións, afectan a organización do bacharelato regulado no seu capítulo IV do título I. Mediante o Real decreto 243/2022, do 5 de abril, establécense a ordenación e as ensinanzas mínimas destas ensinanzas.

Para adaptar a oferta das ensinanzas de bacharelato dos centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e actualizala conforme a nova ordenación que establece a devandita normativa, mediante a Orde do 30 de xuño de 2022 autorízase a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos de titularidade desta consellería.

No anexo da orde, publicada no Diario Oficial Galicia do 18 de xullo de 2022, relaciónanse os institutos de educación secundaria dependentes coas modalidades de bacharelato que en cada un se autorizan, pero respecto do IES Castro da Uz e do IES O Carril a oferta publicada non se corresponde coa realidade dos centros, polo que é necesaria a súa corrección e a modificación da orde de aprobación.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da autorización

1. Suprimir as ensinanzas de bacharelato no IES Plurilingüe Castro da Uz, código 15021767, do concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

2. Autorizar a vía de Música e Artes Escénicas da modalidade de Artes, no IES O Carril, código 36018380, do concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), con efectos desde o inicio do curso 2022/23.

A composición resultante do centro, no relativo ás ensinanzas de bacharelato, é a seguinte:

– Modalidade de Artes: vía de Artes Plásticas e Deseño e a vía de Música e Artes Escénicas.

– Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.

– Modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar instrucións

Autorízase á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data de publicación (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades