Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60933

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 (código de procedemento VI100B).

O 29 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

No punto primeiro do ordinal trixésimo da devandita resolución indícase que as subvencións previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.9, por importe de:

– 1.800.000 € para a anualidade 2022.

– 1.000.000 € para a anualidade 2023.

– 400.000 € para a anualidade 2024.

Non obstante, no punto segundo da citada resolución sinálase que as contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a cal terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter a axuda supera o importe do crédito orzamentario previsto para a convocatoria correspondente á anualidade 2022, é necesaria a ampliación da dotación orzamentaria para poder atendelas, dada a existencia de crédito para poder realizala.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co punto segundo do citado ordinal, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ampliar a dotación orzamentaria, na anualidade 2022, para a convocatoria de axudas destinadas á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

O incremento da dotación para a anualidade 2022 será de 210.624,11 €.

En consecuencia, a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo a esta anualidade será de 2.010.624,11 €.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo