Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Venres, 18 de novembro de 2022 Páx. 59913

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2022 pola que se dá publicidade dos premios concedidos ao abeiro da Orde do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2022.

Mediante a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade do 6 de maio de 2022 establecéronse as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e convocáronse para o ano 2022.

O 11.11.2022, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por delegación do titular da consellería, ditou resolución pola que se concederon os premios ao abeiro da dita convocatoria.

O artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a obrigatoriedade de publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención. Así mesmo, segundo o artigo 17 da orde de convocatoria, esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial de Cultura (https://www.cultura.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

RESOLVO:

Facer pública a concesión do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2022, dotado con tres mil euros (3.000 €), ao Concello de Soutomaior polo proxecto Bibliofogar 2021-2022 da Biblioteca Pública Municipal Luis Seoane, na categoría de concellos de ata 10.000 habitantes.

Facer pública a concesión do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2022, dotado con tres mil euros (3.000 €), ao Concello do Porriño polo proxecto Acompañando na aventura de crecer: xornadas para familias e profesionais da Biblioteca Pública Municipal do Porriño, na categoría de concellos de máis de 10.000 habitantes.

As axudas foron aprobadas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.3, proxecto 2015 00352, cun crédito orzamentario para o ano 2022 de seis mil euros (6.000 €).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben impugnarse directamente a través do recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades