Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Xoves, 17 de novembro de 2022 Páx. 59621

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 199/2022, do 3 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Begonte do treito inicial da estrada LU-P-0801 Begonte (N-VI)-Veigas de Baltar (LU-541), desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+475.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, en sesión ordinaria levada a cabo o día 31 de maio de 2022, aproba o cambio de titularidade a favor do Concello de Begonte dun treito da estrada provincial LU-P-0801 Begonte (N-VI)-Veigas de Baltar (LU-541), cunha lonxitude total de 475 metros.

O día 10 de agosto de 2022, o Pleno da Corporación Municipal de Begonte, acordou por unanimidade o cambio de titularidade proposto.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito inicial da estrada LU-P-0801 (0+000 a 0+475) cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Begonte do treito da estrada LU-P-0801:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

p.q.f

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

Lonx. (m)

LU-P-0801

Begonte (N-VI)-Veigas de Baltar (LU-541)

0+000

X=606.667

Y=4.778.559

0+475

X=607.128

Y=4.778.624

475

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Begonte, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade