Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Luns, 14 de novembro de 2022 Páx. 59131

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ACORDO do 14 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto de solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Alvite e Alvite II, nos concellos de Negreira e Mazaricos (A Coruña) (expediente IN408A 2020/161).

En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2001, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir:

Solicitante/promotora: Green Capital Power, S.L. (CIF: B85945475).

Domicilio social: rúa Marqués de Villamagna, nº 3, 5º andar, 28001 Madrid.

Domicilio para os efectos de notificacións: rúa Fernando de Casas Novoa, nº 35, bloque B, 2º andar, porta B, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Alvite e Alvite II (expediente IN408A 2020/161).

Concellos afectados: Negreira e Mazaricos (A Coruña).

Orzamento de execución material: 969.417,65 €.

Prazo de execución: sete (7) meses.

Obxecto:

Co fin de evacuar a enerxía eléctrica xerada nos parques eólicos proxectados e promovidos por Green Capital Power, S.L.:

• Parque eólico Alvite, de 41,4 MW, con número de expediente IN408A 2018/32.

• Parque eólico Alvite II, de 27,0 MW, con número de expediente IN408A 2019/16.

Proxéctase unha liña de media tensión (LMT) de 30 kV desde o centro de seccionamento do parque eólico Alvite II (CS Alvite II 30 kV) ata a subestación eléctrica transformadora do parque eólico Alvite (SET Alvite 30/132 kV), que se chamará «LMT 30 kV CS Alvite II-SET Alvite», e unha liña aérea de alta tensión (LAAT) de 132 kV, que partirá da devandita SET Alvite 30/132 kV e chegará ata a SET Banzas 30/132 kV, chamada «LAAT 132 kV SET Alvite-SET Banzas». Ambas as liñas formarán a solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Alvite e Alvite II que é o proxecto que se somete a información pública mediante este acordo.

Non forman parte do alcance deste proxecto senón que son obxecto doutros proxectos independentes que se están actualmente a tramitar e son promovidos por Green Capital Power, S.L. o CS Alvite II 30 kV (incluído no proxecto parque eólico Alvite II, expediente IN408A 2019/16) e a SET Alvite 30/132 kV (incluída no proxecto parque eólico Alvite, expediente IN408A 2018/32).

Desde a mencionada SET Banzas 30/132 kV (expediente IN408A 2017/15) evacuarase a enerxía ata a subestación colectora Lousame 132/220 kV e, desde esta, á SET Lousame 220 kV de REE actualmente en servizo, onde se efectuará a conexión coa rede de transporte nacional. Estas instalacións non forman parte deste expediente.

Características técnicas da instalación:

• A LMT 30 kV CS Alvite II-SET Alvite componse dos seguintes cinco tramos:

– Tramo 1: liña subterránea de media tensión 30 kV que consiste nun simple circuíto de condutores tipo RHZ1-RA+2OL (S) 18/30 kV 3×(1×630 mm2 Al)+H16, enterrado baixo tubo sen formigonar. Ten orixe na sala de celas do CS Alvite II 30 kV e final no apoio para paso aéreo-subterráneo (PAS) ALV-ALV 1. Discorre polo TM de Negreira e a súa lonxitude aproximada é de 19 metros (sen incluír os aproximadamente 6 m de saída desde as celas do centro de seccionamento e os aproximadamente 20 m para subida do cable polo apoio PAS).

– Tramo 2: liña aérea de media tensión 30 kV que consiste nun dobre circuíto de condutores de tipo LA-180 simplex, tendido sobre apoios metálicos de celosía. Ten orixe no apoio PAS ALV-ALV 1 e final no apoio PAS ALV-ALV 4. Discorre polo TM de Negreira e a súa lonxitude aproximada é de 365 metros.

– Tramo 3: liña subterránea de media tensión 30 kV que consiste nun simple circuíto de condutores tipo RHZ1-RA+2OL (S) 18/30 kV 3×(1×630 mm2 Al)+H16, enterrado baixo tubo sen formigonar. Ten orixe no apoio PAS ALV-ALV 4 e final no apoio PAS ALV-ALV 5. Discorre polo TM de Negreira e a súa lonxitude aproximada é de 431 metros (sen incluír os aproximadamente 20 m nos apoios PAS).

– Tramo 4: liña aérea de media tensión 30 kV que consiste nun dobre circuíto de condutores de tipo LA-180 simplex, tendido sobre apoios metálicos de celosía. Ten orixe no apoio PAS ALV-ALV5 (TM de Negreira) e final no apoio PAS ALV-ALV 8 (TM de Mazaricos). A súa lonxitude aproximada é de 661 metros.

– Tramo 5: liña subterránea de media tensión 30 kV que consiste nun simple circuíto de condutores tipo RHZ1-RA+2OL (S) 18/30 kV 3×(1×630 mm2 Al)+H16, enterrado baixo tubo sen formigonar. Ten orixe no apoio PAS ALV-ALV 8 e final na sala de celas da SET Alvite 30/132 kV. Discorre polo TM de Mazaricos e a súa lonxitude aproximada é de 55 metros (sen incluír os aproximadamente 6 m de entrada nas celas e os aproximadamente 20 m para baixada do cable polo apoio PAS).

• A LAAT 132 kV SET Alvite-SET Banzas componse dun único tramo de liña aérea de alta tensión 132 kV, que consiste nun simple circuíto de condutores de tipo LA-280 simplex, tendido sobre 18 apoios metálicos de celosía. Ten unha lonxitude aproximada de 4.348 metros, con orixe no pórtico metálico situado no interior da SET Alvite (TM Mazaricos) e final no pórtico metálico situado no interior da SET Banzas (TM Negreira).

• Todas as liñas aéreas disporán dun cable de fibra óptica tipo OPGW-48 para comunicacións que efectuará, ademais, a función de cable de terra, mentres que as comunicacións nas liñas subterráneas realizaranse con cables de fibra óptica monomodo.

• O tendido aéreo realizarase sobre apoios metálicos de celosía e o número de apoios proxectados é de 26.

Obxecto da información pública:

A solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) das instalacións.

Documentación que se expón:

1. O proxecto técnico (visado o 26.9.2022).

2. O estudo de impacto ambiental (EIA) (asinado o 26.9.2022).

3. O proxecto de interese autonómico (PIA) (visado o 26.9.2022).

De conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o proxecto faise público para o coñecemento xeral, para que poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que xulguen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 17), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como nas casas do concello de Negreira e Mazaricos (A Coruña). Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

A Coruña, 14 de outubro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña