Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Luns, 14 de novembro de 2022 Páx. 59073

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 194/2022, do 27 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Covelo do treito final da EP-5105 Maceira-A Graña, desde o punto quilométrico 10+250 ata o punto quilométrico 11+411.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Covelo, na sesión ordinaria do 13 de maio de 2022, acorda por unanimidade o cambio de titularidade do último treito da estrada EP-5105 Maceira-A Graña.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria do día 23 de xuño de 2022, aprobou o cambio de titularidade proposto a prol do concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito da estrada EP-5105 (10+250 a 11+411) cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Covelo de:

Estrada

Denominación

Pqi

Pqf

Lonx. (km)

Treito da EP-5105

Maceira-A Graña

10+250

11+411

1,161

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o concello e a deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Covelo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade