Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Venres, 11 de novembro de 2022 Páx. 59048

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3) (expediente 2021/46533Q).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 6 de xuño de 2022, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3), elaborado polo Consorcio de Santiago e presentado con data do 31 de maio de 2022, coa seguinte modificación:

– No núcleo de San Paio, afectado pola pegada sonora do aeroporto, non poderán autorizarse novos usos sanitarios que inclúan aloxamento de enfermos, agás informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil.

Este parágrafo incluirase no texto reformado da ordenanza RT que se presente para aprobación provisional.

Segundo. Someter o plan especial ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación persoal aos propietarios das parcelas afectadas, segundo figuren no catastro.

Durante o trámite de información pública solicitaranse os informes sectoriais preceptivos.

Por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, e 86 do seu regulamento, o acordo de aprobación inicial determina a suspensión do outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba no ámbito do plan especial durante o prazo máximo de dous anos.

A suspensión afecta tamén as seguintes actividades:

– A implantación de usos ou actividades non permitidas polo plan especial.

– As obras de reforma que sexan incompatibles coa normativa do plan especial, agás as de mera conservación e mantemento do uso preexistente.

– A autorización de usos e obras provisionais en solo urbanizable que non teñan aprobado definitivamente a súa ordenación detallada, agás xustificación da necesidade da súa implantación e informe favorable da Comisión Asesora.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados na sede do Consorcio de Santiago, sita na Rúa do Vilar, número 59, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas (cita previa solicitada no número de teléfono 981 57 47 00). Así mesmo, poderá consultarse na páxina web do Concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Plan-especial-director-de-ordenacion-e-rehabilitacion-do-Camino-Frances-PE-3/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2021/46533Q no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

O alcalde
P.D. (Decreto 4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo,
Vivenda e Cidade Histórica