Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Xoves, 10 de novembro de 2022 Páx. 58831

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Burela

ANUNCIO do Acordo do 6 de outubro de 2022 polo que se aproba inicialmente a modificación do Plan xeral de ordenación municipal.

Aprobada inicialmente, mediante Acordo do Pleno da Corporación do Concello de Burela do 6 de outubro de 2022, a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Burela, de conformidade cos artigos 60.6 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio.

Durante este prazo, poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais, para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

Así mesmo, estará á disposición na sede electrónica deste concello:

burela.sedelectronica.es

Igualmente, suspéndese o outorgamento das licenzas nas áreas afectadas pola aprobación desta modificación puntual, nos termos que figuran no informe técnico do 22 de agosto de 2022, a saber:

«As determinacións recollidas na referida MP supoñen unha modificación do réxime urbanístico vixente para todo o ámbito territorial municipal, polo que se propón a suspensión do outorgamento de licenzas urbanísticas de parcelación de terreos, de edificación e de demolición en todo o ámbito municipal. En ningún caso quedarán en suspenso aqueles títulos habilitantes de obras, maiores ou menores, que sexan compatibles tanto co PXOM en vigor como coa súa MP.

Así mesmo, non afectará a implantación de actividades sempre e cando o uso previsto sexa compatible con ambos os planeamentos.

En calquera caso, os títulos habilitantes de obras de conservación e mantemento, entendendo por tales as definidas no anexo I do RLSG, non entran no ámbito de suspensión».

Burela, 21 de outubro de 2022

Alfredo Llano García
Alcalde