Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 57854

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de novembro de 2022 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 9, do 14 de xaneiro de 2022).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2021 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2022), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

Co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión, as bases reguladoras foron modificadas mediante a Orde do 10 de outubro de 2022 (DOG núm. 196, do 14 de outubro) para ampliar ata o 7 de novembro de 2022 o prazo de execución e xustificación dos proxectos subvencionados.

No entanto, púxose de manifesto que o empeoramento das condicións meteorolóxicas das últimas semanas están a ocasionar atrasos na execución das obras e afectan a finalización dos proxectos dentro do prazo establecido nas bases reguladoras para a súa execución e xustificación. Esta situación implica o risco dunha deficiente execución dos proxectos subvencionados e, xa que logo, dunha clara ineficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos que, de acordo co artigo 5.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe rexer tamén a tramitación das subvencións.

Por este motivo, ao abeiro do artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, dado que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, co fin de fixar un prazo acorde coas exixencias da execución orzamentaria e, así mesmo, posibilitar o remate da execución dos proxectos, considérase procedente ampliar o prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 18 de novembro de 2022.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite fixada no artigo 15.2 das bases reguladoras para executar o proxecto subvencionado e presentar a documentación xustificativa, ampliando o dito prazo ata o 18 de novembro de 2022.

Segundo. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes