Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 57859

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 2 de novembro de 2022 pola que se modifica parcialmente a Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

A Orde do 29 de setembro de 2022, publicada no DOG núm. 187, do 30 de setembro, relativa á concesión de axudas para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estivesen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ten a finalidade de facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, á súa competitividade e, en definitiva, a manter empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data de presentación da solicitude.

As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.770.2 (proxecto 2022 00087), cun crédito de dous millóns oitocentos vinte e cinco mil euros (2.825.000 €).

Con posterioridade á publicación da orde, constatado o importante volume de solicitudes presentadas, así como a posibilidade de poder dispoñer de novos fondos de financiamento, en cumprimento do determinado no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal excepcionalmente poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, cómpre incluír expresamente esta posibilidade na orde da convocatoria das subvencións Xempre Emprendemento.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A)

No artigo 4 da Orde do 29 de setembro de 2022, relativo ao orzamento, engádese un punto 4.

O artigo 4.4 queda redactado do seguinte xeito:

«4. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do artigo 30 do seu regulamento, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo».

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade