Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 3 de novembro de 2022 Páx. 57819

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 24 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de produción de hidróxeno verde de Norvento, S.L. en Lugo (expediente 2022-IPPC-I-80).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación titulada:

«Solicitude de autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental do proxecto CIne H2. Parque empresarial das Gándaras, Edificio CIne, Lugo».

Para que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, a documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medio ambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2022-IPPC-I-80.

Peticionaria: Norvento, S.L.

CIF: B27210285.

Enderezo social: rúa Ramón María Aller Ulloa, nº 23, 27003 Lugo.

Localización da instalación: parque empresarial As Gándaras, Edificio CIne, concello de Lugo.

Actividade: produción de hidróxeno verde.

Descrición: o proxecto consiste na produción de hidróxeno renovable a partir dos excedentes enerxéticos do Edificio CIne (Centro de Innovación Norvento Enerxía), sede autosuficiente do grupo Norvento.

O proxecto estrutúrase en dúas fases, a primeira ata alcanzar unha capacidade de electrólise de 10 Nm3H2/h (potencia de 62 kW) e unha segunda fase cunha capacidade total de 30 Nm3H2/h (potencia de 175 kW).

O hidróxeno producirase mediante electrólise (de auga desmineralizada) nunha nova edificación dedicada para tal uso que se construirá anexa á sede do grupo Norvento. O hidróxeno almacenarase para o seu posterior uso en reelectrificación dentro da microrrede do CIne e para abastecer a futura frota de FCEV de Norvento.

Dado que a produción de hidróxeno superará en numerosas ocasións a capacidade de almacenamento e o consumo que se realizará en Norvento, cederanse os excedentes de hidróxeno a outra empresa, distribuidora gasista na zona, que realizará a súa inxección na rede de gas e se encargará de desenvolver as infraestruturas necesarias para iso mediante un proxecto independente.

No proxecto non se prevén verteduras ao dominio público hidráulico. As augas sobrantes do proceso de electrólise e as augas de soleiras verteranse á rede municipal de saneamento, logo de pasar por un equipo de tratamento (separador de hidrocarburos). As augas pluviais da cuberta do edificio verteranse á rede municipal separada de pluviais.