Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56757

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos (código de procedemento PR949A).

A practica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, cómpre arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, co fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva de que dispoñen as citadas entidades.

Nos últimos anos, a convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos aumentou en función das solicitudes presentadas en condición de seren atendidas. Aínda así, concretamente neste exercicio, non foi posible atender o total de solicitudes presentadas, polo que é necesario realizar unha segunda convocatoria que permita afrontar as necesidades de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade, dotando as entidades deportivas sen ánimo de lucro das ferramentas necesarias para o fomento da práctica deportiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo ás atribucións que lle son conferidas polo Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes vén establecer a presente convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia, para a adquisición de equipamentos deportivos.

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas na presente orde tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por esta orde procédese á segunda convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos para o ano 2022.

2. As bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos, son as aprobadas a través da Resolución do 13 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR949A), que se publicou no DOG núm. 3, do 5 de xaneiro.

3. En todo o non disposto expresamente nesta orde, para os efectos do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, observarase o disposto na  Resolución do 13 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR949A).

Artigo 2. Financiamento

1. Para esta convocatoria, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 3.914.387 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1 Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

2. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver e para xustificar.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas que non resultasen beneficiarias da concesión da subvención a través da Resolución do 13 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR949A).

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Non obstante, non será necesaria a presentación dunha nova solicitude por parte das entidades solicitantes ao abeiro da Resolución do 13 de decembro de 2021, cuxa solicitude fose desestimada con base na non dispoñibilidade de crédito desa convocatoria. Neste suposto, a Administración incorporará e tramitará de oficio aquelas solicitudes á presente convocatoria, notificándolles esta circunstancia ás entidades afectadas.

Dentro do prazo de presentación de solicitudes, as mencionadas entidades poderán manifestar a súa desistencia ou modificar as solicitudes incorporadas de oficio pola Administración. Neste suposto será necesaria a presentación dunha nova solicitude de acordo co anexo III.

2. Para esta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano colexiado competente da entidade deportiva (anexo IV).

b) Memoria xustificativa (anexo V).

c) Acreditación da representación, de ser o caso (anexo X).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións dos requirimentos de emenda das solicitudes, a relación de admitidos/as e excluídos/as, o resultado provisional da baremación, se é o caso, e a resolución definitiva da concesión das subvencións.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, https://deporte.xunta.gal/

Artigo 8. Notificacións

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda faranse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte https://deporte.xunta.gal/

Non obstante, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para o que se estará ao seguinte:

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Resolución

1. A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en vista da proposta do órgano instrutor, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.

Esta resolución, de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, será notificada mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificarlles a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo VI, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias das subvencións concedidas das que os pagamentos non superen os 18.000 euros.

2. Para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira no número de conta designado polo beneficiario e nela debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minguarán proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 26 de decembro de 2022.

O pagamento da subvención quedará condicionada, para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado, á presentación da xustificación e á solicitude de pagamento, segundo o anexo VII, polas entidades beneficiarias nos lugares sinalados no artigo 4.

2. Na xustificación e/ou solicitude de pagamento, de ser o caso, segundo o anexo VII, deberá constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

b) Deberase achegar a documentación seguinte:

Certificación responsable asinada polo secretario/a da entidade deportiva beneficiaria segundo o anexo VIII desta resolución, na cal conste:

1º. A aprobación polo órgano competente da xustificación da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e as contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo o informe do tesoureiro da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente á adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizou con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) Relación clasificada de gastos (anexo IX) e facturas xustificativas dos investimentos realizados coa xustificación dos pagamentos que deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil, ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

Con carácter excepcional, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía, por importes inferiores a 1.000 euros.

As facturas e os xustificantes bancarios dos correspondentes pagamentos deberán estar expedidos entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data límite da xustificación do proxecto.

3. A presentación da solicitude de pagamento de subvención e a xustificación da subvención por parte da persoa interesada ou representante, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluída a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file