Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2022 Páx. 56612

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 14 de outubro de 2022 de modificación da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300A).

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300A).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que «en concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 destas bases reguladoras».

Pola súa banda, o artigo 19.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 3 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dun informe de cada unha das actividades realizadas, que incluirá a documentación indicada no propio artigo 19.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das entidades beneficiarias, manténdose o período subvencionable establecido na orde de convocatoria.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300A)

Un. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 1.3 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022».

Dous. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 19.1 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 3 da convocatoria e ata o 11 de novembro de 2022, dun informe de cada unha das actividades realizadas, que incluirá a seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación