Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 25 de outubro de 2022 Páx. 56295

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia.

A Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras de comercio, industria, servizos e navegación, establece no seu artigo 18 que corresponde ao Ministerio de Economía e Competitividade determinar a apertura do proceso electoral, logo de acordo coas comunidades autónomas que teñan atribuída a competencia nesta materia, e corresponde á respectiva Administración tutelante a convocatoria de eleccións.

Pola súa banda, o artigo 32 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e o artigo 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro, sinalan que lle corresponderá ao órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, a convocatoria de eleccións para a renovación dos membros dos plenos destas.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo declarou aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras de comercio, industria, servizos e navegación de España, mediante a Orde ICT/1074/2021, do 30 de setembro, que dispón a apertura do devandito proceso o día 7 de outubro de 2021 e a súa finalización o día 15 de novembro de 2023.

Unha vez aberto o proceso electoral e transcorridos os prazos previstos para a exposición pública dos censos electorais e de reclamacións, correspóndelle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como departamento competente en materia de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia, convocar as eleccións para a renovación dos seus plenos, logo de seren consultadas as cámaras galegas que figuran no anexo I de acordo co establecido nos artigos 32 da referida Lei 5/2004, do 8 de xullo, e 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Por todo o anterior, logo da consulta ás cámaras, e en uso das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia que figuran no anexo I.

Segundo. Ámbito territorial e sede das xuntas electorais

Para garantir a transparencia e a obxectividade dos procesos electorais constituiranse as xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación, na forma e coa composición e competencias previstas na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e no Decreto 431/2009, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia. As xuntas electorais terán a súa sede no enderezo social da cámara correspondente.

Terceiro. Prazo de presentación de candidaturas das persoas electoras

As candidaturas elixibles por sufraxio do electorado presentarán escrito no rexistro da cámara respectiva durante os quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará ás 24 horas do décimo quinto día, contado desde a devandita data.

Cuarto. Prazo de presentación de listas de candidaturas das organizacións empresariais

1. No prazo dos quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria de eleccións, as organizacións empresariais máis representativas presentarán ante a Administración tutelante e ante a xunta electoral, no rexistro da cámara respectiva, a lista das súas candidaturas no número de vogalías que hai que cubrir que corresponda, seguidas por un número de suplentes, na súa orde de precedencia, que non será inferior á metade dos candidatos propostos.

2. Xunto coa lista de candidatos, as organizacións empresariais achegarán a documentación do artigo 30 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro, declaración responsable dos candidatos de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social segundo o modelo do anexo X e un certificado do secretario xeral da cámara conforme os representantes das empresas candidatas e persoas de recoñecido prestixio realizan achegas voluntarias a esta, efectivas e satisfeitas, de acordo cos datos do censo específico previsto no artigo 30.5 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Quinto. Requisitos dos candidatos

Os candidatos a formar parte dos órganos de goberno das cámaras, ademais de cumpriren os requisitos necesarios para ser elector, deberán cumprir os requisitos previstos no artigo 30.3 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e no artigo 10 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Sexto. Data e horario das eleccións por sufraxio do electorado

A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.a) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, realizarase para todos os grupos e categorías o 17 de xaneiro de 2023, e os colexios electorais permanecerán abertos entre as 9.00 e as 21.00 horas.

Sétimo. Data e horario da elección das listas de candidatos das organizacións empresariais

1. A elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.b) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, realizarase o 2 de marzo de 2023, na sede de cada cámara entre as 13.00 e as 14.00 horas.

2. Cando as organizacións empresariais presenten unha soa lista, a súa proclamación equivalerá á súa elección e esta non terá que efectuarse, e a xunta electoral expedirá as correspondentes actas de proclamación.

No prazo dos tres días seguintes á data prevista no punto sexto desta convocatoria, a secretaría da cámara notificaralles a súa designación e faralles entrega da credencial para a toma de posesión no prazo previsto no artigo 52.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Oitavo. Representantes das empresas de maior achega voluntaria

1. Para os efectos de designación dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.c) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, no prazo dos quince días seguintes á data de publicación desta convocatoria de eleccións, a xunta electoral correspondente requirirá o secretario xeral de cada cámara para que achegue, no prazo dos dez días seguintes ao de remate do devandito prazo, un informe co número de vogalías que serán cubertas por representantes das empresas de maior achega voluntaria de acordo cos limiares fixados nos respectivos regulamentos de réxime interior.

Xunto co informe presentará unha relación certificada de empresas que realicen achegas voluntarias a esta, efectivas e satisfeitas, elaborada e ordenada por orde decrecente das contías.

2. A xunta electoral de cada cámara designará, seguindo a orde de prelación, os vogais representantes das empresas de maior achega, no número e de acordo cos limiares fixados nos regulamentos de réxime interior, no prazo dos tres días seguintes á data prevista no punto sexto desta convocatoria.

Con carácter previo á súa designación os representantes deberán achegar a declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social segundo o modelo do anexo X.

3. No prazo dos tres días seguintes, a secretaría da cámara notificaralles a súa designación e faralles entrega da credencial para a toma de posesión no prazo previsto no artigo 46.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro, para a toma de posesión dos vogais electos por sufraxio.

4. No caso de producirse empate entre as empresas, a xunta electoral proclamará electa a empresa coa maior antigüidade no censo da cámara. De persistir o empate, resolverase mediante sorteo.

5. De se produciren renuncias, poderá procederse á designación sucesiva de acordo coa relación certificada de empresas ata os cinco días anteriores á data da reunión constitutiva do pleno e a súa designación quedará diferida á data desta reunión. De non cubrirse o número total de vogalías, o pleno declarará as vacantes.

Noveno. Proclamacións de electos sen eleccións

1. Cando, para a elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.a) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, o número de candidatos proclamados por un grupo resulte igual ao dos membros que se deba elixir e cando, para elección dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.b) da mesma lei, as organizacións empresariais presenten unha soa lista, ambas as proclamacións equivalerán á súa elección e estas non terán que efectuarse, e a xunta electoral expedirá as correspondentes actas de proclamación.

2. A designación dos vogais representantes das empresas de maior achega a que fai referencia o artigo 14.2.c) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, realizarase no prazo previsto para a proclamación das persoas candidatas a que fai referencia o artigo 27.1 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

De se produciren empates ou renuncias procederase de acordo co disposto no punto oito.

Con carácter previo á súa designación os representantes deberán achegar declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias e coa Seguridade Social segundo o modelo do anexo X.

3. No prazo dos tres días seguintes á data prevista no punto sexto desta convocatoria, a secretaría da cámara notificaralles a todas as persoas electas a súa condición e faralles entrega da credencial na cámara, para a toma de posesión como membros do pleno nos prazos previstos no artigo 46.3 do Decreto 431/2009, do 13 de decembro, no caso dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.a) e c) da Lei 5/2004, do 8 de xullo, e no artigo 52.3 do Decreto 431/2009, do 13 de decembro, no caso dos vogais a que fai referencia o artigo 14.2.b), contados desde a data da entrega da credencial.

Décimo. Colexios electorais

O número de colexios electorais e os lugares onde se van instalar establécense, para cada unha das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia, no anexo I desta resolución.

Décimo primeiro. Mesas electorais

As cámaras deben enviar á xunta electoral correspondente a proposta de lista de persoas electoras para seren designadas presidentes/as ou vogais das mesas electorais, conxuntamente coa lista das candidaturas presentadas e coa proposta de número de mesas electorais, no prazo que establece o artigo 26.3 do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Décimo segundo. Voto por correo

As persoas electoras que prevexan que na data das eleccións non poderán comparecer nos colexios electorais poderán exercer o seu dereito ao voto emitíndoo por correo certificado e urxente, logo da solicitude persoal á cámara respectiva, dentro dos vinte días seguintes ao da publicación desta convocatoria, segundo o modelo normalizado que figura no anexo II desta resolución e con suxeición aos requisitos e ao procedemento sinalados no artigo 28 do Real decreto 669/2015, do 17 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, no artigo 36 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, e no capítulo VIII do Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

Décimo terceiro. Papeletas e sobres

As papeletas e sobres para o voto presencial ou por correo seguirán os modelos normalizados do anexo VII. Nas papeletas indicarase, no caso de persoas físicas, os apelidos e nome, e no caso de persoas xurídicas, a denominación social, das persoas candidatas ordenadas alfabeticamente, de forma que a persoa electora marcará cunha cruz o recadro da papeleta normalizada correspondente aos candidatos ou lista da súa elección. As papeletas configuradas e impresas despois da proclamación de candidatos manterán a súa validez durante todo o proceso electoral.

Décimo cuarto. Modelos normalizados

Co fin de garantir o adecuado exercicio do voto achéganse os modelos normalizados segundo os anexos I a X.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I

a) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: Alameda, 30, 1º, 15003 A Coruña.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

b) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Lugo:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: rolda da Muralla, 58, 6º andar, 27001 Lugo.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

c) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: rúa da República Checa, 40, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

d) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Tui:

– Colexio electoral único.

– Domicilio: Augusto González Besada, 15, 1º D, 36700 Tui.

– Demarcación: a correspondente á cámara.

e) Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa:

– Colexio electoral de Pontevedra.

– Domicilio: Xardíns de Vicenti, 4, 2º, 36001 Pontevedra.

– Demarcación: A Estrada, Agolada, A Lama, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Rodeiro, Silleda, Vilaboa e Vila de Cruces.

– Colexio electoral de Vigo.

– Domicilio: República Arxentina, 18, 36201 Vigo.

– Demarcación: A Cañiza, Arbo, As Neves, Baiona, Cangas, Covelo, Crecente, Gondomar, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo.

– Colexio electoral de Vilagarcía de Arousa.

– Domicilio: avenida de Tourón, 46, 36600 Vilagarcía de Arousa.

– Demarcación: Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file