Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 25 de outubro de 2022 Páx. 56329

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2022, conxunta da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixaba a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia establecendo un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, no artigo 7 dispúxose que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade se estruturaría en diferente órganos superiores e de dirección, entre os cales está a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, á cal lle corresponden as funcións relativas á participación na elaboración e deseño das estratexias de emprego e dos correspondentes plans anuais de política de emprego, así como a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego, traballo autónomo, cooperativas e economía social e apoio á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, entre outras funcións.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

a) A resolución de concesión ou denegación da axuda daqueles expedientes en que sexa posible a comprobación automática do cumprimento, ou o incumprimento, dos requisitos recollidos nas bases reguladoras.

b) A notificación das resolucións.

c) Os requirimentos de documentación.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso corresponderá á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

c) Nome do selo: Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

Covadonga Toca Carús

Julián Cerviño Iglesia

Secretaria xeral de Apoio ao Emprego,

Traballo Autónomo e Economía Social

Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia