Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 19 de outubro de 2022 Páx. 55560

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG núm. 186, do 25 de setembro), 45/2009, do 12 de febreiro (DOG núm. 48, do 10 de marzo), e 155/2019, do 28 de novembro (DOG núm. 234, do 10 de decembro), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que, con carácter xeral, para ese efecto aprobe.

No Diario Oficial de Galicia núm. 69, do 8 de abril de 2022, publicouse a Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

Na devandita convocatoria habilitáronse catro modalidades de préstamos:

1. Préstamos para investimentos estratéxicos.

2. Préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

3. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

4. Préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia.

Na última das modalidades, Préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia, establécese unha serie de requisitos específicos para que as empresas poidan ser beneficiarias destes préstamos, respecto aos cales a experiencia demostra que son excesivamente restritivos para que esta liña poida cubrir os obxectivos para os cales foi deseñada.

Por isto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 26 de setembro de 2022, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, co obxecto de flexibilizar os requisitos que deberán cumprir as empresas beneficiarias dos préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia, e os documentos que deberán achegar para xustificar en que medida se ven afectadas por esta crise.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, en concreto o número 1.4. Préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia, do anexo I Modalidades de préstamos, no seguinte sentido:

A letra B), Requisitos específicos dos beneficiarios, pasa a ter a seguinte redacción:

Os establecidos no artigo 1 destas bases reguladoras, incluídas persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e que veñan desenvolvendo durante máis de 3 anos algunha das actividades comprendidas nos CNAE 10 a 33 e ademais acrediten mediante unha memoria explicativa, que a súa actividade se viu afectada en gran medida polo incremento de custos de aprovisionamentos e enerxéticos, sen poder repercutir en prezos a totalidade destes encarecementos. A memoria deberá estar sustentada en feitos cuantitativos, explicados sobre un balance e conta de resultados en 30 de xuño de 2022, comparados con estados financeiros históricos da empresa. A falta de explicación suficiente destes feitos poderá ser causa de denegación da solicitude.

A letra E), Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude, queda redactada do seguinte xeito:

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto á solicitude:

– Balance e conta de perdas e ganancias en 30.6.2022. Os ditos estados financeiros deberán contar cun informe de auditoría de balance ou, na súa falta, deberá estar conciliado coas declaracións de IVE do primeiro semestre, co CIRBE en xuño de 2022, e cos saldos en contas bancarias.

– Declaración do imposto de sociedades do exercicio 2021.

– Extractos bancarios de cada unha das contas bancarias da solicitante, comprensivos dos catro meses anteriores á data de presentación da solicitude, en formato PDF nativo (descargados directamente da aplicación web da entidade financeira ou facilitados por esta).

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

c) Xustificación do especial impacto da crise nas actividades da empresa, explicados sobre un balance e conta de perdas e ganancias en 30 de xuño de 2022, comparativo con estados financeiros históricos da empresa.

d) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa. No caso de considerar o financiamento de investimentos, xustificar razoadamente que o seu obxecto é a mellora competitiva, a través da produtividade, da redución da dependencia de determinadas materias primas ou provedores e/ou mellora da eficiencia enerxética.

e) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, que describan o seu contido e o número de traballadores afectados.

– Declaracións de IVE presentadas no exercicio 2021 en formato PDF nativo (descargados directamente da web da AEAT).

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica