Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2022 Páx. 54805

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de outubro de 2022 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 9, do 14 de xaneiro de 2022).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2021 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2022), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 15.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo ata o 15 de outubro de 2022 para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, resulta conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 7 de novembro de 2022 co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación de prazo ampárase no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Segundo este precepto regulamentario o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite fixada no artigo 15.2 das bases reguladoras para executar o proxecto subvencionado e presentar a documentación xustificativa, para ampliala ata o 7 de novembro de 2022.

Segundo. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes