Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2022 Páx. 54883

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 6 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento BS306B).

O 12 de maio de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 92, a Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022.

A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, que son proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia e nos cales as persoas novas son as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas. A finalidade é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma.

Os destinatarios da axuda, segundo o artigo 4, son asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e grupos informais de persoas mozas.

A orde establece un prazo para realizar as actividades e xustificar a axuda, concretamente nos artigos 7.1 e 20, que fixan como data límite o 15 de outubro de 2022.

O 19 de agosto de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 157, a resolución de concesión das axudas. Na resolución de concesión establécese que, de conformidade co artigo 19.3, as entidades ou grupos beneficiarios disporán dun prazo de dez días, desde a publicación da resolución de concesión, para solicitar o anticipo previsto no artigo 26.2.

Tendo en conta a data da resolución de concesión e a xestión da tramitación dos anticipos, cuxa dispoñibilidade é imprescindible para as persoas beneficiarias da axuda antes do comezo da realización do proxecto, xa que son persoas mozas que normalmente non dispoñen dos recursos necesarios para adiantar o diñeiro preciso para a realización das actividades, enténdese que concorren circunstancias suficientes que aconsellan a ampliación do prazo establecido nos artigos 7.1 e 20.

Consecuentemente co anterior, cómpre a ampliación do prazo máximo de realización das actividades e de xustificación. Ningunha destas modificacións terá incidencia no prazo de presentación de solicitudes.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento BS306B)

A Orde do 28 de abril de 2022, pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento BS306B), queda redactada como segue:

Un. O número 1 do artigo 7, referido aos gastos subvencionables, queda redactado como segue:

«1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 14 de novembro de 2022.».

Dous. O parágrafo primeiro do artigo 20, referido á documentación xustificativa e que antecede á subdivisión en letras, queda redactado como segue:

«Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a entidade ou grupo beneficiario realizará, ata o 18 de novembro de 2022, a xustificación da totalidade do proxecto mediante a presentación da seguinte documentación e na forma en que se indica:».

Disposición adicional única. Presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.S. (Decreto 153/2022, do 13.9.2022; DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación