Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2022 Páx. 54596

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

BDNS (Identif.): 651698.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

– Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia e as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento. En todo caso, a persoa solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

– Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.

No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, no caso de agrupacións de persoas físicas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, que determinarán proporcionalmente o importe da subvención que se aplicará a cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación, e coa cal a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

• Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

• Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.

3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes da presentación da solicitude de axudas.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:

– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Requisitos das actuacións subvencionables

1. O obxectivo das actuacións deberá estar aliñado cunha das liñas de apoio definidas no punto anterior.

2. Para que as actuacións teñan a consideración de subvencionables, deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e estar realizadas e efectivamente pagadas durante o período de execución que se establece no punto 4 da convocatoria.

3. En ningún caso a prestación do servizo de redacción ou o custo de adquisición dos investimentos elixibles poderá superar o valor de mercado. Para verificar este aspecto poderanse realizar comprobacións adicionais sobre o valor de mercado dos bens ou servizos imputados ao proxecto por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Configúranse como requisitos específicos de cada unha das liñas de apoio recollidas no punto segundo os seguintes:

a) Liña 1.1 (código de procedemento MR502B):

– A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá prever unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

– O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.

b) Liña 1.2 (código de procedemento MR502D):

– A edificación proxectada deberá estar destinada a uso residencial unifamiliar, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá prever unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

– O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.

c) Liña 2.1 (código de procedemento MR502F):

– A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocios para uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución do proxecto.

d) Liña 2.2 (código de procedemento MR502G):

– A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución do proxecto.

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións obxecto desta resolución, cun crédito total de 2.600.000,00 €, financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023, de acordo co seguinte detalle:

Concepto

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Total

REACT Construción: liña 1.1

06.A4.741A.770.0

2021 00005

100.000 €

250.000 €

350.000 €

06.A4.741A.780.0

50.000 €

150.000 €

200.000 €

REACT Construción: liña 1.2

06.A4.741A.780.0

50.000 €

600.000 €

650.000 €

REACT Construción: liña 2.1

06.A4.741A.771.0

30.000 €

380.000 €

410.000 €

06.A4.741A.780.0

20.000 €

120.000 €

140.000 €

REACT Construción: liña 2.2

06.A4.741A.781.0

50.000 €

800.000 €

850.000 €

Total

300.000 €

2.300.000 €

2.600.000 €

Todo isto sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación do crédito a través dos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo dos prazos para resolver.

Esta distribución do crédito poderá ser modificada conforme evolucione o desenvolvemento da tramitación, sempre sen incrementar o crédito total.

2. Estas axudas están financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020:

Eixe prioritario: EP20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo temático: OT13. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de la COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivos específicos:

OE 20.1.4-OE REACT-UE 4. Apoio aos investimentos que contribúan á transición cara a unha economía verde.

Actuación 20.1.4.3.b: Axudas para a construción sustentable con madeira.

Así mesmo, os indicadores de produtividade son:

I. Liñas 1.1 e 2.1:

CO01-Número de empresas que reciben axuda.

CO02-Número de empresas que reciben subvención.

CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

II. Liñas 1.2 e 2.2:

CO40-Vivendas rehabilitadas en zonas urbanas.

Compatibilidade das axudas.

As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.

Quinto. Importe das axudas

1. As axudas que se outorguen ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do custo subvencionable, dentro dos límites de intensidade previstos para cada liña que se indican a seguir:

a) Liñas 1.1 e 1.2.

O importe máximo da subvención será do 70 % do gasto subvencionable; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:

• Nun 10 %, se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización dalgún produto de madeira ou derivado da madeira procedente de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC) e de que, igualmente, na execución da obra se empregarán materiais que reúnan estas características. Para demostrar a dita orixe e calidade deberá aplicar a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia (denominada FORTRA).

• Nun 10 %, se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización dalgún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia e de que, igualmente, na execución da obra se empregarán materiais que reúnan estas características.

Estas porcentaxes poderán ser acumulativas até un 90 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará en ningún caso os 35.000,00 euros para a liña 1.1 e os 20.000,00 euros para a liña 1.2.

b) Liñas 2.1 e 2.2.

O importe máximo da subvención será do 70 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:

• Nun 10 %, se se emprega algún produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC). Para demostrar dita orixe e calidade deberá verificar a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia (denominada FORTRA).

• Nun 10 %, se se emprega algún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.

Estas porcentaxes poderán ser acumulativas até un 90 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará en ningún caso as seguintes contías:

• 20.000,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material da edificación.

• 30.000,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 30 % do orzamento de execución material da edificación.

• 40.00,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 40 % do orzamento de execución material da edificación.

2. En calquera caso, o importe máximo de subvención total acumulada por beneficiario será de 70.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.1 e 2.1 e de 50.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.2 e 2.2.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 15 de novembro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal