Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2022 Páx. 54132

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, se convocan para o ano 2022 e se abre o prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

BDNS (Identif.): 652342.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras publícanse conxuntamente na convocatoria do programa de bonos Activa comercio.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 5.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Quinto. Data de activación dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga polos usuarios desde o 24 de outubro de 2022 e a súa validez estenderase ata o 31 de decembro de 2022.

Mediante orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderase modificar a devandita data se razóns organizativas, sanitarias ou doutra índole así o aconsellasen, do que se dará a publicidade oportuna.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación