Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2022 Páx. 53805

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ACORDO do 5 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto LAT 132 kV evacuación parque eólico Legre, nos concellos de Oza-Cesuras e Mesía (expediente IN408A 2020/143).

En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e a Lei 9/2001, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir:

Solicitante/promotora: Green Capital Power, S.L. (CIF. B85945475).

Domicilio social: r/ Marqués de Villamagna 3, 5º, 28001 Madrid.

Domicilio para efectos de notificacións: r/ Fernando de Casas Novoa, 35, bloque B, 2º andar, porta B, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: LAT 132 kV evacuación PE Legre.

Nº expediente: IN408A 2020/143.

Concellos afectados: Oza-Cesuras e Mesía (A Coruña).

Orzamento de execución material: 480.340,77 €.

Prazo de execución: catro (4) meses.

Obxecto:

Co fin de evacuar a enerxía eléctrica xerada no parque eólico Legre, proxéctase unha liña de alta tensión (LAT) 132 kV, con inicio na subestación eléctrica (SET) do parque eólico Legre (IN408A 2020/097, en tramitación) e fin no apoio nº 44 da denominada LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla, e desde esta subestación, a través da LAT 132 kV PE Gasalla-SET colectora Mesón, evacúase a enerxía xerada en PE Legre e os demais parques do clúster, que elevan a tensión na SET colectora Mesón 132/220 kV, onde evacúan a enerxía producida outros parques desta sociedade, así como doutros promotores; o punto final de conexión á rede nacional é na SET Mesón do Vento 220 kV pertencente á REE.

O obxecto deste expediente limítase á liña de 132 KV con inicio na SET do parque eólico Legre (IN408A 2020/097, en tramitación) con final no apoio nº44 pertencente á LAT 132 kV SET PE Abrente-SET PE Gasalla (IN408A 2020/136). Os proxectos de liñas e subestación mencionados no parágrafo anterior son obxecto de proxectos independentes.

Características técnicas da instalación:

• A LAT componse dun só tramo aéreo de 3.854 m.

• A configuración do tramo será de simple circuíto en triángulo con condutor LA-180. A liña dispón de cable de fibra óptica OPGW48 para comunicacións.

• O tendido aéreo realízase sobre 18 apoios de celosía de aceiro.

• A conexión á terra dos apoios non frecuentados no caso dos apoios con cimentación tipo monobloque conectaranse á terra por medio dunha pica de aceiro cobreado de 2 m de lonxitude e 14 mm de diámetro no fondo da cimentación. Conectaranse o apoio a través de cable de AC-50 mm2 galvanizado ou ben cobre nu de igual sección, coas grampas necesarias. Os apoios con cimentación do tipo catro (4) patas conectaranse á terra por medio de dúas picas de aceiro cobreado de 2 m de lonxitude e 14 mm de diámetro en dúas patas situadas diametralmente opostas. Nas dúas patas que non dispoñen de pica de terra instalarase un dobre anel de cable de AC-50 mm2 galvanizado ou cobre nu na base da cimentación. A conexión do apoio a cada pica ou anel realizarase mediante cable de aceiro galvanizado ou ben cobre nu de 50 mm2. Non hai apoios clasificados como frecuentados.

Obxecto da información pública:

A solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) das instalacións.

Documentación que se expón:

1. O proxecto técnico (agosto 2022-visado o 24.8.2022).

1.1. Plano xeral das instalacións.

2. O estudo de impacto ambiental (EIA) (xuño 2022-asinado o 7.6.2022).

3. O proxecto de interese autonómico (PIA) (xuño 2022-visado o 23.6.2022).

De conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o proxecto faise público para o coñecemento xeral, para que poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que xulguen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña; teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 17), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como nas casas dos concellos de Oza-Cesuras e Mesía (A Coruña). Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

A Coruña, 5 de setembro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña