Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2022 Páx. 53248

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 162/2022, do 22 do setembro, polo que se declara ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en adiante, LPCG).

A LPCG, no seu artigo 1.2, establece que: «[...] O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo. Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que fosen creados.»

O artigo 8.2 da LPCG establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.»

O artigo 9.2 da LPCG determina que: «[...] para os efectos desta lei, terán a consideración de bens mobles, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, aqueles susceptibles de ser transportados non estritamente consubstanciais coa estrutura do inmoble, calquera que sexa o seu soporte material». Ademais, o artigo 11, sobre especialidades dos bens mobles, considera que estes poderán ser declarados bens de interese cultural de forma individual ou como colección.»

II

Ante a petición da Dirección Xeral de Belas Artes, do Ministerio de Cultura e Deporte, de iniciar o procedemento de declaración de ben de interese cultural dunha moeda da ceca da Hispania romana (emisións do Noroeste) denominada Sestercio de Augusto, logo de declarar a súa inexportabilidade mediante a Orde ministerial do 30 de decembro de 2020 polo seu especial interese para o patrimonio histórico español, tendo en conta que a moeda se encontra en Galicia e que a dita solicitude contén un informe técnico que xustifica o carácter excepcional da peza, da cal só se coñecen tres exemplares do seu tipo e ningún deles en coleccións españolas.

III

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia, número 48, do 10 de marzo, a Resolución do 28 de febreiro de 2022 pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto, á cal non se presentou ningunha alegación.

Ademais, solicitouse, conforme o establecido no artigo 18.2, da LPCG, o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal. No expediente administrativo tramitado polo Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural constan dous informes dos mencionados órganos do artigo 7, que son favorables ao recoñecemento do valor cultural sobranceiro da moeda denominada Sestercio de Augusto.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto conforme o descrito no anexo desta resolución.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación:

Sestercio de Augusto.

2. Descrición xeral:

• Tipoloxía: moeda.

• Datación: século I a. C.

• Autor: ceca de Hispania romana (emisións do Noroeste).

• Materia/técnica: bronce/cuñaxe.

• Medida e/ou peso: 38.07 g.

• Natureza/condición/clase: ben material/moble/individual.

• Localización: o ben pertence a unha colección particular.

3. Datos históricos e descritivos: trátase dunha peza rara, da cal só se coñecen tres exemplares, ningún deles en coleccións españolas. Pertence á serie coñecida «do Noroeste», polo seu lugar de circulación, ou «da caetra», polo escudo redondo do reverso, cuñada por Augusto, moi probablemente para facer fronte aos gastos militares das guerras cántabras (27-19 a. C.), última fase da conquista romana da Península Ibérica. Presenta no anverso una cabeza á esquerda, detrás caduceo, diante palma; IMP AVG DIVI F externa.

No reverso a caetra, ao redor dúas orlas de chatolas circulares. AE 38,07 g. Pátina verde con tons vermellos.

4. Valoración cultural: esta moeda é case única, xa que só se coñecen tres exemplares das súas características: un atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), conservada no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa; outra vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido; e este exemplar, que foi adquirido nunha poxa en Nova York en 1999 e foi publicado en diversas monografías científicas de referencia para o estudo da moeda romana provincial en Hispania. A serie non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e son obxecto de investigación. Atribúese a cecas como a de Emerita (Mérida), Lucus (Lugo) ou Colonia Patricia (Córdoba) e a talleres móbiles que acompañaban o exército.

5. Réxime de protección e salvagarda: a declaración de ben de interese cultural da moeda denominada Sestercio de Augusto determina a aplicación inmediata do réxime de protección previsto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e complementariamente na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), en materia de exportación e espolio. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozo deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizala e a Administración poderá exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, exceptuando os casos de exportación que resultan competencia da Administración xeral do Estado.

• Exportación: a Orde ministerial do 30 de decembro de 2020, do Ministerio de Cultura e Deporte, declarou a súa inexportabilidade nos termos recollidos no artigo 5 da LPHE.