Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2022 Páx. 53016

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de setembro de 2022 pola que se fai público o incremento do crédito previsto na Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

O 11 de abril de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

No seu artigo 3.2, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese que excepcionalmente se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Nos orzamentos do ano 2022 existen remanentes de crédito por valor de cento vinte e un mil cento noventa e tres euros con seis céntimos (121.193,06 €).

Por este motivo, e co obxecto de repartir entre as entidades de iniciativa social que concorran á convocatoria de axudas a totalidade destes fondos, tramítase esta orde, pola que se incrementa o crédito dispoñible na Orde do 29 de marzo de 2022 na contía de cento vinte e un mil cento noventa e tres euros con seis céntimos (121.193,06 €).

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A) en cento vinte e un mil cento noventa e tres euros con seis céntimos (121.193,06 €), consignados na aplicación orzamentaria 50.01.413A.781.30, código de proxecto 2018 00005.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade