Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49163

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de setembro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Chaín e da Insua (concello de Ponte Caldelas), ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 14 de xuño 2022, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Chaín e da Insua (concello de Ponte Caldelas), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente PO-DESC-07/17).

Feitos:

Primeiro. O 30 de xuño de 2017, José Manuel Cal Vázquez, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) da Insua, presenta no Rexistro presencial da Xunta de Galicia solicitude de deslindamento entre a CMVMC da Insua e a CMVMC de Chaín, ambas no concello de Ponte Caldelas.

Segundo. No expediente consta a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acta de conciliación, certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais das comunidades, memoria descritiva e plano.

A liña de deslindamento proposta está composta polos seguintes puntos:

Punto 1 Coto Catán x: 540.630,08 y: 4.689.962,09

Punto 2 Piñeiral x: 539.607,72 y: 4.689.638,44

Punto 3 Pedra do Quintás x: 539.132,80 y: 4.689.506,63

Revisado o expediente de deslindamento detéctase que existe colindancia entre as CMVMC da Insua e de Chaín.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 polo que propón a aprobación do deslindamento tendo en conta que no caso de que o Xurado aprobe o deslindamento remitirase ao catastro informe de validación gráfica (en diante, IVG) fronte ao parcelario catastral co CSV: A8QSHY84508Q5B56. O IVG catastral que achegan está axustado para o peche de referencias catastrais e non coincide exactamente cos anteditos 3 puntos de deslindamento.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Chaín e a CMVMC da Insua, no concello de Ponte Caldelas, respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de setembro de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra