Dentro das actividades programadas para o ano 2022 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de intendente da Policía Local, conforme as seguintes bases:
Obxectivos:
Actualizar o alumnado na normativa vixente e de aplicación directa no traballo policial.
Desenvolver a súa capacidade de liderado, coñecendo os recursos dispoñibles para levar a cabo unha dirección de equipos eficaz e motivadora.
Aumenta a capacidade de comunicación.
Destinatarios/as:
Persoal dos corpos da Policía Local que superaron o proceso selectivo para a categoría de intendente principal e que non tivesen realizado este curso.
Inscrición:
A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.
Prazas:
Sen límite.
Solicitudes:
1. Os concellos deberán remitirlle un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten a participación no curso da/das persoa/s que estean nesta situación, para poder efectuar a correspondente reserva de praza co fin de realizar o devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 21 de setembro de 2022.
Duración e contido:
O curso ten unha duración de 250 horas. Unha vez feita a selección, a Agasp comunicaralle ao alumnado a data de inicio do curso e o seu horario.
Conforme o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Academia homologaralle ao alumnado os cursos realizados cuxo programa, duración e contido o permitan.
O contido deste curso versará sobre xestión directiva, estratexias e técnicas de mando, dirección de equipos, desenvolvemento persoal e un módulo de actualización xurídica e normativa.
Certificado:
A Agasp emitiralle un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como intendente do corpo da Policía Local.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 5 de setembro de 2022
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública