A Orde do 30 de decembro de 2021 (publicada no DOG nº 27, do 9 de febreiro de 2022), pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, modificada pola Orde do 7 de marzo de 2022 (publicada no DOG nº 46, do 8 de marzo), establece no artigo 22 como prazo máximo para presentar a correspondente licenza municipal de obras ou calquera outro permiso administrativo o 15 de setembro de 2022.
Tendo en conta o elevado número de solicitudes, a complexidade urbanística e sectorial dos expedientes de solicitude de licenza ou permiso administrativo que dificultan a finalización dos ditos procedementos de autorización, así como a petición de diferentes colectivos da necesidade de prolongar o dito prazo, faise necesaria unha ampliación do prazo de presentación dos permisos administrativos nun mes.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de permisos administrativos
Amplíase o prazo establecido no artigo 22 da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B), modificada pola Orde do 7 de marzo de 2022, ata o 15 de outubro de 2022.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural