Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2022 Páx. 47920

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2022/104-1).

Expediente: IN407A 2022/104-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: regulamentación CT Sardiñeira (15SBS3).

Concello: A Coruña.

Feitos:

1. O 30 de marzo de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación eléctrica, co fin de incrementar a capacidade de transporte das liñas de distribución existentes, coa finalidade de adecuar regulamentariamente o centro de transformación soterrado CT Sardiñeira (15SBS3, expediente 25.798), no concello da Coruña. Proxéctase a súa reforma e substitución do transformador número 1 de 800 kVA por un de 1.000 kVA de potencia.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

 Proxecto de execución denominado regulamentación CT Sardiñeira (15SBS3), asinado por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial, número de colexiado LE-1010, o 2 de marzo 2022.

 Anexo, asinado por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial, número de colexiado 15.670 de Madrid, o 1 de xuño de 2022.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro). En cumprimento do artigo 46.e) da dita lei, o solicitante declara que o proxecto non afecta novos bens e dereitos de propiedade particular.

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello da Coruña. Non consta no expediente, no día de hoxe, contestación do organismo á solicitude de condicionado nin á reiteración.

4. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación para aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As instalacións encóntranse na avenida Sardiñeira, no concello da Coruña, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Reforma do CT Sardiñeira (15SBS3, expediente 25.798) soterrado existente de 1.800 kVA (trafo I-800 kVA e trafo II-1.000 kVA) e configuración 2L+2P, conectado á LMT GRN709 Cerdeña 9, que pasan a ser de 2.000 kVA.

– Substitución do trafo nº 1 de 800 kVA debido a perdas de líquido dieléctrico, por un novo trafo de 1.000 kVA (15.000/400 V).

– Construción de dous foxos para a recollida de aceite, un para cada transformador.

– Colocación de perfís UPN-120 antivibracións para a suxeición das rodas dos dous transformadores.

– Mellorar o acceso de operario substituíndo a escaleira de acceso por unha nova con varanda e substituíndo a tapa de acceso para persoal por unha nova con protección anticaídas.

– Construción de tabique de ladrillo rebocado para a protección e separación das acometidas de BT e MT.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 1 de agosto de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña