Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 7 de setembro de 2022 Páx. 47746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Pobra do Caramiñal (expediente IN407A 2022/012-1).

Expediente: IN407A 2022/012-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: LMTS, CTC e RBTS Aldea Laxe.

Concello: A Pobra do Caramiñal.

Feitos:

1. O 14 de xaneiro de 2022 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación eléctrica, co fin de mellorarlle a calidade da subministración eléctrica aos clientes da Laxe, concello da Pobra do Caramiñal. Proxéctase a instalación dun centro de transformación de 250 kVA e unha liña de media tensión soterrada que o alimentará desde a liña de distribución soterrada LMT PMR816 (IN407A 2014/168-1) de alimentación ao CTC Pedrosa (expediente 168/14).

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado LMTS, CTC e RBTS Aldea Laxe, asinado por David Núñez Fernández, enxeñeiro industrial, número de colexiado 1534 de Galicia, o 26 de novembro de 2021.

• Descrición e cálculos da instalación, asinado por David, Núñez Fernández, enxeñeiro industrial, número de colexiado 1534 de Galicia, o 10 de maio de 2022.

• Anexo, asinado por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial, número de colexiado 15.670 de Madrid, o 31 de maio de 2022.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro). En cumprimento do artigo 46.e) da dita lei, o solicitante declara que dispón de acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello da Pobra do Caramiñal e á Deputación Provincial da Coruña. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se vai aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As instalacións encóntranse no lugar da Laxe, no concello da Pobra do Caramiñal, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 246 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, con orixe e remate en LMTS PMR816 (IN407A 2014/168-1) de alimentación ao CTC Pedrosa (expediente 168/14) en PAR existente, tras realizar E/S en CTC proxectado.

– CT compacto prefabricado de manobra exterior, cunha potencia de 250 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe, no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 1 de agosto de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña