Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 6 de setembro de 2022 Páx. 47553

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 25 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios, así como a selección da entidade colaboradora que participará na súa xestión, no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400C e AP400D).

BDNS (Identif.): 646334.

De conformidade co previsto nos artigos 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As comunidades de propietarios dun edificio ou conxunto de edificacións suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que non dispoñan dunha infraestrutura común de telecomunicacións (ICT) instalada ao abeiro do Real decreto lei 1/1998, é dicir, edificacións cuxa construción xa estaba en fase avanzada ou concluída antes da entrada en vigor do primeiro regulamento técnico aprobado polo Real decreto 279/1999, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior dos edificios e da actividade de instalación de equipamentos e sistemas de telecomunicacións (edificios concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000).

Segundo. Obxecto

1. Aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios (programa UNICO-Edificios) previstas no Real decreto 990/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro).

2. Convocar as citadas subvencións para o período 2022-2023.

3. Convocar a selección dunha entidade colaboradora para facilitar a xestión e o acceso das comunidades de propietarios ás axudas propostas.

As subvencións reguladas nestas bases enmárcanse no investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios, así como a selección da entidade colaboradora que participará na súa xestión, no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400C e AP400D).

Cuarto. Importe

Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 4.112.307,69 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.781.0, coa seguinte distribución:

Aplicación

Código proxecto

2022

2023

04.A1.571A.770.0

2022 00009

1.000,00 €

4.111.307,69 €

Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A intensidade máxima destas subvencións será do setenta por cento (70 %) do custo elixible do proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes para ser entidade colaboradora será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de subvención é de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará o mesmo día en que se produza a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que se inicie o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
P.D. (Resolución do 29.7.2022)
José Luis Somoza Digón
Xerente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia