Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 1 de setembro de 2022 Páx. 46755

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 22 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento TR332E).

O día 31 de marzo de 2022 publicouse no número 63 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento TR332E).

Unha vez publicada a orde da convocatoria e durante o seu proceso de instrución, detectouse a necesidade de engadir un punto 5 ao artigo 4 (actuacións subvencionables), relativo á posibilidade de que as entidades beneficiarias da subvención poidan subcontratar as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada, dada a importancia da formación nestes programas.

Por todo o exposto, modifícase a orde sen que implique modificación do prazo de presentación de solicitudes, que permanece aberto ata o día 14 de outubro de 2022.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 4. Actuacións subvencionables

Engádese un punto 5 ao artigo 4 da Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria e pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que queda redactado do seguinte xeito:

«5. Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as accións previstas nas letras c) e d) do punto 1 deste artigo.

a) Entenderase por subcontratación os gastos derivados da contratación con terceiros da execución da formación dirixida ás persoas desempregadas participantes no programa nos termos establecidos nesta orde. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non se considera subcontratación a contratación directa por parte da entidade beneficiaria do persoal docente para a impartición da formación subvencionada. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas (por conta propia ou allea).

c) Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) e ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada.

d) A/as entidade/s subcontratada/s deberán presentar unha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) no sentido establecido no número 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, segundo o anexo V da orde de convocatoria.

En todo caso, a entidade beneficiaria asume a responsabilidade da execución da actividade subvencionada frente á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade