Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 26 de agosto de 2022 Páx. 45958

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 11 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI440A).

BDNS (Identif.): 645077.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) Estar empadroado en Galicia; b) Convivir coa filla ou fillo; c) Se é o caso, o cónxuxe ou parella debe estar traballando; d) Ter uns ingresos non superiores a 7 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo co prazo de presentación vencido (2021).

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto avanzar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e coidado das súas fillas e fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 11 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI440A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de 12 anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €.

Cando a xornada se realice a tempo parcial, ou cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (8 meses), as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de setecentos setenta e tres mil trescentos noventa e tres euros (773.393 €), o 100 % con cargo ao FSE.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade