Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 24 de agosto de 2022 Páx. 45705

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de agosto de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Torreiro da Gándara, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, na parroquia do Viso, no concello de Redondela (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 14 de xuño de 2022, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) da provincia, Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia, Álvaro Cabaleiro Durán e Xosé Covelo Míguez, representantes da CMVMC do Viso, e da secretaria do Xurado Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 21.10.2020 tivo entrada escrito da CMVMC do Viso, parroquia do Viso, interesando a clasificación de tres parcelas en favor da sinalada comunidade de montes (en diante, CM); as súas referencias catastrais son:

a) 36045A006006760000WA.

b) 36045A006010620000WI.

c) 000413100NG38C0001HA.

Co escrito achegan:

– Cartografía dixital.

– Referencias catastrais.

– Contrato de cesión de uso entre a indicada CMVMC e a Asociación Cultural Tuimil.

– Certificación da Asemblea acordando a petición de clasificación.

– Recibos IBI.

– Documentos propiedade de lindeiros.

– Declaracións xuradas de propietarios estremeiros.

Segundo. A Sección de Topografía informa que a planimetría permite identificar as tres parcelas e que os terreos a) e c) sinalados no antecedente anterior xa están clasificados segundo a revisión do esbozo do Monte Gándara efectuada no ano 2016 a prol da Comunidade do Viso.

Terceiro. En reunión deste xurado do 26.4.2021 acordouse a iniciación de expediente para a clasificación da parcela con referencia catastral 36045A006010620000WI e unha cabida de 284 m2, e a non incoación das restantes dúas parcelas por estaren xa clasificadas.

Cuarto. O 8.5.2021 ten entrada escrito da CMVMC do Viso en que solicita a clasificación da parcela 36045A006010620000WI e achegan certificación de titularidade catastral, descritiva e gráfica.

Quinto. O informe do Servizo de Montes sinala que a parcela denominada Torreiro da Gándara, de 284 m2 é coincidente coa parcela catastral 36045A006010620000WI e consta a nome da CMVMC do Viso, concello de Redondela. O terreo está separado polo leste do resto do monte veciñal por un camiño asfaltado. A parcela está perfectamente delimitada, ao norte e leste por camiño asfaltado e ao sur e oeste por un valo de formigón de 1,5 metros de altura nuns tramos e 0,5 metros noutros.

No momento da inspección a parcela atopábase desbardada, contendo un pé do xénero Thuja duns 10 metros de altura e catro pés recentemente plantados duns 2 metros de altura, tres de Liquidambar e un do xénero Thuja. Non se aprecia uso específico ningún, como non sexa o de recreo ao estar ao carón do campo das festas.

Sexto. O 30.9.2021 o Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas certifica que o predio denominada Monte Torreiro da Gándara, dunha superficie de 284 m2, sita na parroquia do Viso, concello de Redondela e que linda: norte, camiño público; sur, Mercedes Otero Montero; leste, camiño público e oeste, José García Cabaleiro, non consta inscrita no indicado Rexistro.

Sétimo. Sometido o expediente á preceptiva información pública e trámite de audiencia previstas legalmente, non se recibiu alegación ningunha.

Oitavo. O 12.1.2022 practícase anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas a favor da CMVMC do Viso.

Noveno. O 15.5.2022 recíbese escrito da CM solicitante en que achega declaración xurada dun veciño estremeiro co monte obxecto da solicitude.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común define o monte veciñal en man común: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. Da información obrante no expediente entende o instrutor que concorren no presente suposto todos os requisitos legal e xurisprudencialmente exixidos para acceder á pretensión da CM solicitante.

Dese xeito, consta que a parcela está perfectamente identificada e figura catastralmente a nome da CMVMC do Viso, coa consecuencias das presuncións posesorias e de aproveitamento que iso implica.

Non obstante, tal circunstancia non resulta suficiente para a clasificación interesada ao declarar a xurisprudencia (vid. vgr. st. TS 24/04/00) que nin as inscricións nin os asentos en determinados rexistros, nin as presuncións posesorias que delas poden derivarse, permiten prescindir da necesidade de acreditar un aproveitamento consuetudinario.

Ao respecto, cómpre salientar que a parcela cuxa clasificación se interesa, xunto con dúas máis que xa constan a nome da CM, foron obxecto de cesión temporal á Asociación Cultural Tuimil. Ademais, na parcela en cuestión foron plantadas recentemente varias especies arbóreas e que se atopa desbardada.

Neste senso semella que a parcela non foi incluída na revisión do esbozo do ano 2016 (xunto coas parcelas con referencia catastral 36045A006006760000WA e 000413100NG38C0001HA) por estar separada delas por unha vía pública; malia iso, resulta evidente que forma parte do conxunto en que se integra. A maior abundamento, consta declaración xurada dun propietario estremeiro que manifesta que a dita parcela vén sendo aproveitada pola CM de xeito inmemorial. Finalmente, o feito de non se teren feito alegacións á pretensión de clasificación reforza a condición de monte veciñal da parcela.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, así como os demais preceptos legais e regulamentarios de aplicación, o Xurado por unanimidade acorda: clasificar como monte veciñal en man común a parcela denominada Torreiro da Gándara, dunha superficie de 284 m2 e referencia catastral 36045A006010620000WI a favor da CMVMC do Viso, concello de Redondela, de acordo á descrición reflectida anteriormente e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 3 de agosto de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra