Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 23 de agosto de 2022 Páx. 45467

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ACORDO do 11 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, polo que se somete a trámite de audiencia o proxecto de interese autonómico (PIA) Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta de Vigo, S.A.D., aos concellos e administracións afectados.

O 15 de marzo de 2022 o Real Club Celta de Vigo, S.A.D. presentou, ante esta Secretaría Xeral para o Deporte, a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio.

A declaración de interese autonómico está regulada nos artigos 41, 42 e 43 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Esta Secretaría Xeral para o Deporte, visto o contido e deseño das actuacións deportivas descritas no proxecto presentado, considerou procedente a declaración de interese autonómico.

De acordo co artigo 42 da mencionada Lei de ordenación do territorio de Galicia, o 1 de xuño de 2022 solicitouse informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das directrices de ordenación do territorio e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio vixente que afectan o ámbito do proxecto.

O 4 de xullo de 2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu informe de carácter favorable sobre a declaración do proxecto como de interese autonómico.

De conformidade co disposto no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, dáse traslado do proxecto a través da ligazón: https://descargas.xunta.es/8d740fbc-f119-4b15-9516-05e696a5b1781659078229814, para os efectos do cumprimento do trámite de audiencia polo prazo de dous (2) meses aos concellos e demais administracións públicas cuxas funcións poidan verse afectadas.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte