Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 23 de agosto de 2022 Páx. 45452

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tui (expediente IN407A 2022/266-4).

Expediente: IN407A 2022/266-4.

Promotora: Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L.

Denominación: ampliación de potencia CT Mariño.

Concello: Tui.

Feitos:

Primeiro. O 23 de xuño de 2021, a empresa Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica ampliación de potencia CT Mariño.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste na colocación dun transformador adicional de 400 kVA, pasando a ser a potencia total do centro de transformación de 1030 kVA. As obras sitúanse na rúa Ourense, 2, no concello de Tui (Pontevedra).

Segundo. Non hai administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, conforme o proxecto e a solicitude da empresa promotora.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Aumento de potencia do centro de transformación de 630 kVA a 1030 kVA instalando un transformador adicional de 400 kVA trifásico Dyn11, de clase B2. As instalacións están situadas na rúa Ourense, 2, no concello de Tui (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Ampliación de Potencia CT Mariño (expediente IN407A 2022/266-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa Sociedad Electricista de Tui Distribuidora, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de xullo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra