Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 19 de agosto de 2022 Páx. 44483

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

BDNS (Identif.): 644104.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 3. Requisitos.

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias, así como aquelas persoas beneficiarias que causasen baixa ou renunciasen á bolsa convocada pola Orde do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2019/20 nun centro de Galicia con ensinanzas sostidas con fondos públicos (código de procedemento ED333B), ou a outras bolsas de edicións anteriores.

Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (Beme), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cincuenta e catro prazas (54) para o acceso da mocidade galega do exterior, ás ensinanzas formación profesional relacionadas no anexo III que se desenvolverán en centros da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2022/23. Xunto coa praza na ensinanza solicitada, concederase unha bolsa para a viaxe, o aloxamento e a manutención.

Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333B.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Cuarto. Importe

Destinarase a estas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.422M.480.1, un total de trescentos cincuenta e un mil euros para cincuenta e catro bolsas (54), cunha contía máxima de 6.500 euros cada unha. A dotación total da bolsa por ano é a seguinte:

a) 199.800 euros no ano 2022.

b) 151.200 euros no ano 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será de 45 días naturais, que se contarán desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día no que finalice o dito cómputo.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades