Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 12 de agosto de 2022 Páx. 44014

IV. Oposicións e concursos

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2022 pola que se convoca un posto de persoal directivo para a súa cobertura (xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos).

En virtude da autorización outorgada polo Consello de Dirección con data do 29 de marzo de 2012 para proceder á convocatoria de prazas vacantes na estrutura do Igape, e no uso das facultades conferidas pola Resolución do 23 de decembro de 2016 de delegación de facultades publicada no DOG núm. 23, do 2 de febreiro de 2017, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións se encontran publicadas na estrutura organizativa do persoal do Instituto, publicada no Diario Oficial de Galicia o 31 de marzo de 2021, DOG núm. 61 mediante a Resolución do 23 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba a modificación da estrutura organizativa.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da cidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Código: IN.IGAPE.00.005.4050424.

Denominación do posto: xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos.

Dependencia: Área de Proxectos Empresariais. Instituto Galego de Promoción Económica.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro).

Directivo do grupo II, nivel 3.

Retribución anual: 55.234,56 €.

Tipo de persoal: alta dirección.

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos do Instituto Galego de Promoción Económica

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Vínculo.

O vínculo da persoa seleccionada formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a directivo estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, de acordo co establecido na devandita lei.

3. Funcións do/a directivo/a.

Son funcións propias do/a xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos as establecidas na Resolución do 23 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba a modificación da estrutura organizativa e, en particular, o asesoramento aos promotores de proxectos empresariais de todos os sectores produtivos que acudan ao Instituto na procura de apoio económico ou técnico, sexa o primeiro financeiro ou non financeiro, co fin de mellorar a súa competitividade e produtividade.

Esta unidade estará en permanente contacto e coordinación co resto das áreas do Instituto, así como coa Subdirección de Proxectos Tractores.

Así mesmo, o desenvolvemento das súas misións requirirá un contacto continuo e estable coa Oficina Doing Bussines Galicia e cos restantes centros directivos competentes en materia de innovación, comercio, enerxía, minas e emprego.

4. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

Requisitos xerais:

1) Poderán participar no proceso selectivo as persoas que cumpran algunha das seguintes características:

– Ter nacionalidade española.

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2) Ter cumpridos os 16 anos de idade.

3) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

4) No caso de persoal laboral, non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial ou para exercer funcións similares ás que desempeñaban no que fose separado o inhabilitado.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

Requisitos específicos:

1) Estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura, grao, diplomatura ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán estar en posesión da credencial que xustifique a súa homologación na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O requisito da homologación non será aplicable aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito Comunitario (Directiva 89/48/CEE, Directiva 2005/36/CE e Real decreto 1837/2008).

2) Coñecemento da lingua galega, acreditado con copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega ou Celga 4, ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

3) Acreditar unha experiencia mínima de 5 anos no desempeño de postos de alta dirección nunha Administración pública ou na empresa privada.

5. Solicitudes e documentación para presentar.

a) Solicitude asinada, dirixida ao director xeral do Igape segundo o modelo que figura como anexo III.

b) Currículo (CV), no cal se fará constar a concorrencia dos requisitos exixidos e puntos valorados segundo as bases desta convocatoria.

c) Copia cotexada do título exixido para o posto, ou do documento que acredite de modo fidedigno a posesión do correspondente título académico.

d) Copia cotexada do DNI ou pasaporte. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española, acreditarán que concorren as circunstancias previstas na base 4.1, requisitos xerais.

e) Copia cotexada do expediente académico referido á titulación exixida para o posto.

f) Copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega, do Celga 4 ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

g) Copia cotexada da documentación acreditativa da experiencia mínima de 5 anos en postos de alta dirección nunha Administración pública ou na empresa privada: contrato de alta dirección e vida laboral.

h) Copia cotexada da xustificación de cada un dos méritos para valorar especificados na base 8.1.1. Só se valorarán os méritos que teñan unha xustificación documental axeitada.

i) Plan de actuación (recollido no punto 8.1.2 destas bases).

Todos os méritos que as persoas aspirantes presenten para a súa valoración, enténdense referidos ao día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A Comisión de Selección poderá requirir a exhibición dos orixinais dos documentos achegados coa solicitude, de existiren dúbidas sobre a súa veracidade.

6. Lugar e prazo das solicitudes.

As solicitudes dirixidas ao director xeral do Igape, deberán presentarse no modelo normalizado que figura no anexo III da presente convocatoria e poderán presentarse:

• No Rexistro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas.

• Na sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando para iso o formulario PR004A de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.

• En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O enderezo que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva do/a aspirante tanto un erro na súa consignación como a comunicación ao Igape de calquera cambio nela.

As solicitudes recibidas unha vez rematado o prazo para a presentación de candidaturas, consideraranse, para todos os efectos, como solicitudes fóra de prazo e o/a candidato/a quedará excluído/a do proceso selectivo.

7. Procedemento de selección.

A selección efectuarase por unha Comisión de Selección designada para o efecto.

O proceso de selección consistirá no seguinte:

– Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web (http://www.igape.es) a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección, con indicación da causa de exclusión, que terán un prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Neste período de emenda soamente se pode rectificar a documentación achegada coa solicitude inicial, e nunca achegar nova documentación.

Transcorrido o prazo de alegacións á lista provisional, e logo da súa valoración, publicarase a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución de aprobación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

8. Procedemento selectivo.

A selección do candidato será efectuada polo procedemento de concurso de méritos que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

1ª fase: baremación de méritos alegados e valoración dun plan de actuación da Unidade de Proxectos Estratéxicos:

A puntuación máxima é de 90 puntos conforme a seguinte distribución:

1.1. Méritos, cunha puntuación máxima de 70 puntos.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

1.1.1. Formación complementaria relacionada coas funcións para desenvolver no posto convocado, cunha puntuación máxima de 10 puntos.

Por formación específica valoraranse os cursos, másters ou posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados, ou por entidades formativas da Administración pública: 0,03 puntos/hora.

1.1.2. Experiencia. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 60 puntos.

– Por experiencia laboral de cando menos 5 anos en funcións de asesoramento e seguimento de proxectos industriais e na elaboración de informes no eido da economía e a industria desde o sector público: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 25 puntos.

– Por experiencia laboral de cando menos 5 anos na xestión de equipos humanos: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 25 puntos.

– Por experiencia en desenvolvemento de funcións en institucións que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 10 puntos.

A experiencia laboral deberá acreditarse do seguinte xeito:

• No caso de experiencia nas administracións públicas: certificación de servizos prestados en que se especifiquen as funcións realizadas.

No caso de experiencia na empresa privada: certificación de vida laboral, contrato de traballo e certificación da persoa empregadora en que se especifiquen as funcións realizadas.

• No caso de experiencia nas institucións que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia, certificación de vida laboral, contrato de traballo e certificación da persoa responsable da institución en que se especifiquen as funcións realizadas.

1.2. Plan de actuación da Unidade de Proxectos Estratéxicos. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 20 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación en que se recolla a estratexia que se desenvolverá na Unidade de Proxectos Estratéxicos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que se poñerán en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicará.

O plan non poderá superar os 30 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Igape.

• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto .

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as persoas interesadas disporán dun prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Esta resolución farase pública no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web.

Os/as candidatos/as que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocados nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas para a defensa dos plans de actuación.

2ª fase: entrevista persoal para a defensa do plan de actuación da Unidade de Proxectos Estratéxicos:

A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 10 puntos. A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuación serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan, e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

9. Lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo.

Rematada a quenda de entrevistas, a Comisión de Selección publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios do IGAPE a lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo, e concederá un prazo de reclamacións de dous (2) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

10. Lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.

Transcorrido o prazo de reclamacións, a Comisión de Selección publicará a lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.

11. Criterios de desempate.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación, 2º defensa do plan de actuación); de persistir o empate, (tendo en conta que non existe a infrarrepresentación da muller con respecto ao home a que fai referencia o artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade) resultará seleccionada a persoa que corresponda pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, pola do segundo, a partir da letra establecida na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 28 de xaneiro de 2022 (DOG número 24, de 4 de febreiro) pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

12. Resolución da convocatoria.

A Comisión de Selección proporá o/a candidato/a ao director xeral do Igape, quen resolverá o proceso de selección mediante resolución motivada, publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios do Igape.

O/a candidato/a seleccionado/a deberá aceptar o posto no prazo de tres (3) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución do director xeral na páxina web do Igape (www.igape.es) e, no caso de non aceptación, procederase ao chamamento dos/as candidatos/as da lista de suplentes.

O/a aspirante seleccionado/a deberá presentar nas dependencias do Igape desde a data de publicación da resolución da convocatoria, no prazo máximo de 3 días naturais, a seguinte documentación:

– Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte. Os/as candidatos/as que non teñan a nacionalidade española, acreditarán documentalmente que concorren as circunstancias previstas na base 5.1.

– Fotocopia compulsada do título presentado para o posto que foi seleccionado/a ou documento que acredite de modo fidedigno a posesión do correspondente título académico.

– Orixinal ou fotocopia compulsada das xustificacións dos méritos alegados para a súa comparación, de ser o caso.

– Copia comparada do título de Celga 4, do título de perfeccionamento da lingua galega ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

Os/as candidatos/as convocados/as á entrevista e que non sexan contratados/as no proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de suplentes, ad hoc, que se fará pública coa lista definitiva das puntuacións. De proceder, realizarase o chamamento dos/das candidatos/as segundo a orde de prelación da lista, de maior a menor puntuación, ata a cobertura do posto.

De non se presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/as candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

13. Datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Os/as candidatos/as que participen neste proceso selectivo consenten expresamente a incorporación dos seus datos de carácter persoal nos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.

O/a titular dos datos de carácter persoal poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao seu tratamento nos termos da devandita lei orgánica, solicitándoo nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas.

14. Comisión de Selección.

A Comisión de Selección será designada polo director xeral do Igape para cualificar o proceso de selección garantido os principios de equidade e imparcialidade na procura do mellor perfil profesional.

A Comisión de Selección estará constituída en virtude do principio de paridade entre mulleres e homes, nos termos establecidos no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, por un/unha presidente/a, tres vogais e un/unha secretario/a.

A Comisión de Selección axustará a súa actuación ao artigo 60 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

Os membros da Comisión estarán suxeitos ás causas de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Para a toma de decisións da Comisión, e demais cuestións da Comisión, estarase ao disposto nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Así mesmo, resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril do 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Os membros da Comisión de Selección deberán estar en posesión de titulación de igual ou superior nivel cá titulación requirida para o proceso de selección.

A Comisión de Selección non se poderá constituír, nin actuar sen a presenza dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente.

As decisións da Comisión de Selección adoptaranse por maioría simple dos membros presentes no momento da votación. No caso de empate, o presidente terá o voto de calidade.

Poderanse nomear asesores da Comisión de Selección, os cales se limitarán ao exercicio das súas respectivas especialidades, con voz pero sen voto.

Os/as interesados/as poderán promover recusación en calquera momento da tramitación do proceso de selección en virtude do disposto no artigo 24 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

15. Disposición derradeira.

A participación neste proceso selectivo por parte do/a candidato/a supón a aceptación íntegra das presentes bases.

ANEXO III

Solicitude para participar no proceso de selección de xefe/a da Unidade de Proxectos Estratéxicos

Datos persoais:

Primeiro apelido: ........................................... Segundo apelido: ...........................................

Nome: ............................................................... NIF: ...........................................................

Enderezo: ..............................................................................................................................

Localidade: ....................................................... Provincia: ....................................................

Código postal: ........ Teléfono: .................. Correo electrónico: ..................................................

Data de nacemento: ...................................... Nacionalidade: ...............................................

Nº de afiliación á Seguridade Social: ....................................................................................

Titulación ...............................................................................................................................

Declaración responsable:

O/a abaixo asinante declara baixo a súa responsabilidade que non padece enfermidade ou defecto físico que lIe impida desempeñar as funcións correspondentes ao posto de traballo da praza a que opta, e que non está separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopa inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

E de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, o/a interesado/a presta o seu consentimento expreso e inequívoco á incorporación dos seus datos aos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.

Documentación que achego:

 Copia do DNI.

 Copia da titulación.

 Copia do expediente académico.

 Currículo.

 Certificado de servizos prestados.

 Certificado de empresa/entidade.

 Contrato de traballo.

 Plan de actuación da Unidade de Proxectos Estratéxicos.

 Copia do certificado de perfeccionamento da lingua galega ou Celga 4.

 Outros (especificar):

Fago constar que a presente documentación consta de __ folios numerados correlativamente do 1 ao __.

Lugar e data:

Sinatura

Asdo.: ..........................................................

Director xeral do Igape